Hoxe é Luns 13 de Maio de 2024
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

Luciano Otero por Alternativa Veciñal e Xurxo Besadío polo BNG postúlanse como alternativa ao PP en Pazos

pazos candidaturas

A Agrupación de Electores Alternativa Veciñal presentou na Casa Cultural de Nespereira a súa lista electoral, unha “lista continuísta na que repite como candidato Luciano Otero e coa novidade da incorporación de número dous de Rodrigo González Fragueiro”. Pola súa banda o BNG aposta nun equipo que representa a todas as parroquias e sectores e que “sae a gañar nas eleccións municipais para dar un novo impulso a Pazos con Xurxo Besadío como candidato”. Actualmente o PP goberna neste concello con 6 concelleiros fronte aos 3 de Alternativa Veciñal e os dous representantes cos que conta Ciudadanos.

Alternativa Veciñal encara as eleccións con “opcións reais de acadar o goberno, e unha lista encabezada por persoas que levan anos de traballo político o que nos permite formar un equipo unido, con experiencia e con coñecemento para pilotar o concello”. A incorporación de persoas que dan o seu primeiro paso na política “complementa a experiencia con novas ideas e puntos de vista”.

Unha candidatura de xente non profesional da política pero que “dá un paso adiante para ofrecer unha alternativa ao desgoberno que levamos anos padecendo”, neste sentido engaden que se trata dunha candidatura conformada por persoas “que levan tempo traballando para mellorar o seu concello participando en distintas asociacións e colectivos das súas parroquias”.

Alternativa Veciñal volve optar pola fórmula de agrupación de electores, o que lles permite “manter unha total independencia dos partidos políticos e non ter máis obediencia ca os intereses dos veciños e veciñas de Pazos de Borbén”.

Pola súa banda, o BNG presenta unha candidatura “solvente e con ideas” para facer de Pazos de Borbén un concello con servizos e futuro. A organización nacionalista confía nun equipo que representa a todas as parroquias e sectores do concello e que sae a gañar nas eleccións municipais para dar un novo impulso a Pazos.

“É momento de apostar nun cambio real no noso concello, nunha nova maneira de facer política que poña primeiro os intereses das veciñas e dos veciños e que traballe para mellorar a vida das persoas”, defendeu o candidato do BNG á Alcaldía, Xurxo Pardo Besadío, durante a presentación da lista nacionalista formada por persoas novas “preparadas e con ilusión” para transformar a vida en Pazos. Acompañando a Pardo Besadío, no número 2 estará Isa Mouzo, veciña das Muras; no posto 3 Jorge Álvarez, natural de Amoedo; no 4 Laura Rodríguez, de Cepeda; e no 5 Marcos Miguez, de Moscoso. O cabeza de lista destacou tamén a incorporación como suplente de Celso Fragueiro, histórico sindicalista da CIG e primeiro concelleiro nacionalista en Pazos.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará