Hoxe é Martes 23 de Abril de 2024
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

O BNG de Soutomaior reclama a recuperación dos muíños de Daión e da súa contorna

muiños daión

A formación nacionalista presentou unha moción no concello na que propoñen a rehabilitación e recuperación do conxunto histórico-etnográfico da contorna dos muíños de Daión, situados no último afluente do Verdugo antes da súa desembocadura. En pouco máis de 400 metros, o conxunto etnográfico do Daión conta con oito muíños de moa tradicionais que na actualidade atópanse en ruínas.

O BNG propón iniciar os trámites necesarios cos propietarios dos muíños para buscar solucións a súa recuperación, iniciar tarefas de rehabilitación e poñer a disposición as partidas orzamentarias precisas para a execución destas actuacións. Con esta iniciativa pretenden iniciar estes trámites nun prazo de como máximo 2 meses.

O voceiro nacionalista, Manu Lourenzo, xustifica este prazo no feito de que “malia terse aprobado unha iniciativa similar hai anos, Agustín Reguera decidiu gardala no caixón e agarda que con este prazo o grupo de goberno abandone o inmobilismo e se poña a traballar”.

Neste sentido, lembran os nacionalistas que a recuperación dos muíños de Daión é unha reivindicación histórica da veciñanza que o BNG levou en varias ocasións aos plenos, xa que suporía devolverlle o valor histórico e patrimonial a unha contorna de grande importancia para Soutomaior.

“O conxunto etnográfico dos muíños atópase nun estado de abandono que non é entendible”, asegurou Lourenzo, que defendeu que é prioritario recuperar un espazo “con inmensas potencialidades turísticas e paisaxísticas para o barrio da Devesa e para o concello de Soutomaior”. Ao mesmo tempo, o portavoz municipal destacou o espazo como un potencial “lugar de lecer privilexiado para a nosa veciñanza”, polo que o Concello debería implicarse na súa recuperación.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará