O equipo redondelá está a vivir un gran momento. O conxunto, que mistura veteranía con xogadores moi novos da canteira, “está a traballar moi ben e os resultados acompañan”, como explica o coordinador Fran Iglesias. A pasada fin de semana golearon ao Coles a domicilio e mantéñense na parte alta da táboa.
O Redondela Maramar ocupa o 2º posto na táboa da Preferente Sur, a dous puntos do líder que é o Pazos, e a moita distancia xa dos seus inmediatos perseguidores. O 3º, Marín Futsal, está xa a 16 puntos cun partido menos. Nas 18 xornadas que levan disputadas suman 16 vitorias, 1 empate e tan só 1 derrota. Con todo, no club son prudentes e insisten en que deben ir “paso a paso” e seguir pelexando cada partido polo ascenso.
No club están especialmente orgullosos do bo traballo que están a realizar os xogadores da canteira, con varios xuvenís que forman parte do equipos “como un máis” e mesmo co debut dun porteiro cadete pola lesión de Naka e que fixo “un gran traballo”.
Baíña-Redondela
O conxunto redondelán adianta o encontro desta xornada na pista do Baíña. A petición do equipo de Baiona disputarán hoxe xoves o partido, xa que na fin de semana a localidade celebra a Festa da Arribada. Advirten que será un partido complicado pero no que agardan un resultado positivo para consolidarse nos postos altos da táboa. O Baíña é 5º, a 19 puntos de distancia do Redondela, aínda que con dous partidos menos. O encontro será ás 21.30 horas no pavillón municipal de Baiona