Foto: Edicións Xerais
A escritora viguesa estará o mércores 25 de novembro, ás 19:00 horas, na libraría Rosalía & Compañía para compartir co público a súa última novel Soños de Lunaria. Coroa de espiño, unha historia de fantasía, amor e rebelión que abre un novo universo literario.
O encontro, organizado por GÁLIX, contará coa participación do editor Ramón D. Veiga, o ilustrador Iván R. e a bookstagramer Silvia Veiga Cidrás (@meslivresettoi), que acompañarán a autora nesta presentación.
Con Soños de Lunaria, Ledicia Costas adéntrase por primeira vez no xénero romantasy, unha combinación de fantasía e romance que conta cunha ampla comunidade de lectores e lectoras a nivel internacional. A novela supón unha aposta pioneira na literatura galega e inaugura un universo fantástico propio, habitado por criaturas extraordinarias, maxia, intrigas, paixóns prohibidas e loitas polo poder.
A historia transcorre en Lunaria, un mundo no que humanos e teriántropos —seres capaces de adoptar formas animais— conviven baixo unha paz aparentemente estable. Cada dezasete anos, porén, celébrase o Sorteo dos Primoxénitos e comeza unha perigosa cacería.
O protagonista, Kiran Lobo, herdeiro do trono de Ainruil e fillo dun humano e dunha muller lince boreal, deberá afrontar o temido Rito dos Condenados. No medio de ameazas, segredos e alianzas inesperadas, cruzarase con Irina do Norte, unha misteriosa licántropa coa que comparte un vínculo especial. Xuntos formarán parte dunha historia na que o amor, a identidade e a liberdade poden converterse nunha ameaza para a orde establecida.
A través desta novela, Costas combina aventura, supervivencia e romance cunha reflexión sobre as desigualdades, a valentía e a necesidade de cuestionar o mundo que nos rodea.










