Hoxe é Sábado 20 de Abril de 2024
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

O Ministerio de Transportes licita a reposición de viais en Chapela cun orzamento de 3,5 millóns de euros

pantallas 2

O Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, MITMA) ven de anunciar a aprobación do proxecto de construción da reposición e mellora do viario local en Chapela, dando cumprimento ás demandas que, en tal sentido, lle tiñan feito o Goberno local, a Asociación de Veciños de Chapela e a Asociación de Afectados pola AP9.

As obras, denominadas Reposición de viario en Chapela (Redondela). Autopista AP-9. Tramo: Enlace de O Morrazo – Enlace de Teis, contan cun orzamento de licitación de 3,57 millóns de euros, permitirán a reposición e ordenación dos accesos nas vías afectadas pola ampliación da capacidade da AP-9. As actuacións encontrábanse recollidas na adenda ao Convenio entre a Administración Xeral do Estado e a concesionaria Audasa.

Os traballos a realizar que figuran no proxecto, inclúen a adecuación e mellora dos camiños de Penisal, Torreiro, Camiño da Igrexa y Pasán, mediante a reposición de firme, a disposición de beirarrúas, a creación de zonas axardinadas e sendas peonís que garantan a seguridade das e dos viandantes.

Doutra banda, o proxecto dota de continuidade ao Camiño da Igrexa ata a rúa Pasán, para o que será preciso ampliar a pasarela peonil de Chapela que cruza a AP-9. Ao mesmo tempo, proxéctase tamén a reordenación da sección transversal do paso superior sobre a autopista da rúa Pasán, para permitir a disposición dun itinerario peonil sobre o mesmo.

No que atinxe á contorna do IES de Chapela, adecuarase a contorna mediante a disposición dunha dársena para subida e baixada de estudantes que viaxan en vehículos particulares e que, na actualidade, carecen de espazo habilitado na Avenida de Redondela para realizar esta operación.

Amplíase o paso superior de Transmañó a fin de mellorar o itinerario peonil que discorre sobre o mesmo, paso que na actualidade é excesivamente estreito.

Finalmente mellorase o Camiño Mouriño repoñendo o firme e construíndo unha beirarrúa pola marxe non contigua da autoestrada.

O proxecto inclúe as necesarias actuación de integración ambiental, estética e paisaxística e é compatible coa actuación de disposición das pantallas antirruído nese tramo, proxecto que se está a desenvolver de xeito paralelo.

A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, amosou a súa satisfacción ao sinalar que “os compromisos que adquire o Goberno de Pedro Sánchez, non quedan en palabras baleiras ou boas intencións, senón que se cumpren”.

Rivas destacou “o incansable traballo e compromiso da Asociación de Veciños de Chapela e da Asociación de Afectados pola AP-9 e, froito dese traballo conxunto co Goberno de Redondela, agora estamos falando de poñer punto e final a un problema que afectaba seriamente a calidade de vida da veciñanza da contorna da AP-9”.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará