Hoxe é Venres 29 de Marzo de 2024
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

Unha plataforma veciñal reclama melloras na estrada Amoedo-Os Valos

EP-2701

Son ao redor de 2000 vehículos os que diariamente circulan por esta estrada que carece de beiravía e espazo para peóns, presenta un mal estado de firme, numerosas curvas e un elevado tráfico de vehículos pesados que se dirixen cara o polígono de Amoedo “o que supón que transitar po esta estrada supoña un perigo para condutores e viandantes”. Fartos de esperar unha solución dende o 2018 “que non chega”, veciños afectados por estas deficiencias constituíronse en plataforma para defender as súas demandas.

Iván Rodríguez fálanos das carencias que presenta esta estrada

Lembran que a Deputación ten aprobado un proxecto de mellora que contempla un lixeiro ancheamento e unha senda para peóns no tramo que atravesa o núcleo de Nespereira. Con todo, estas melloras están no aire ante a falta de acordo entre Concello e Deputación.

Explican os veciños que o Concello de Pazos non accede a colaborar co organismo provincial e, á súa vez, dende a Deputación alegan que “en ningún caso lle van conceder un trato privilexiado a este municipio, que terá que cumprir os mesmo requisitos que lle levan anos esixindo a todos os demais”, isto é, xestionar as cesións dos terreos e financiar unha pequena parte das obras.

Ante o perigo de que a Deputación termine por asfaltar a estrada sen acometer unha mellora substancial, os numerosos asistentes, principalmente das parroquias de Cepeda e Nespereira pero tamén doutros lugares do concello de Pazos de Borbén, acordaron constituírse nunha “Plataforma para a mellora da EP2702”.

Dende a recente creada Plataforma recalcan que esta vía atravesa dous dos núcleos máis poboados do Concello, Cepeda e Nespereira, e dá servizo ao Polígono industrial de Amoedo, o que xera un importante tráfico de vehículos pesados. Ademais, é usada como vía de saída cara a zona industrial de Porriño e cara algunhas áreas de Vigo, tanto dende gran parte do Concello de Pazos como incluso dende o veciño Fornelos.

As primeiras accións que vai levar adiante a Plataforma son unha campaña de recollida de sinaturas e solicitar reunións con Concello e Deputación para trasladarlle as demandas veciñais e recibir información de primeira man. As persoas asistentes tamén amosaron plena disposición a levar adiante protestas en caso de que as súas xustas demandas non sexan atendidas.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará