Hoxe é Sábado 20 de Abril de 2024
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

Redondela recibe unha subvención de 47.000 euros para preservar o patrimonio fotográfico de Fot’sca

Arquivo Fot'sca

A Xunta, a través da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) vén de conceder á Concellería de Cultura unha subvención de 46.757 euros para a dixitalización de parte do fondo fotográfico de negativos do profesional redondelán coñecido como Fot’sca.  O edil de Cultura, Daniel Boullosa salientou a importancia desta labor a nivel etnográfico xa que tamén permitirá recuperar e dixitalizar outros documentos como os libros de antigos padróns municipais.

Unha subvención que permitirá dixitalizar preto de 70.000 imaxes de Fot’sca (conservadas en negativos) comprendidas entre os anos 1972 e 1995. Negativos que recollen momentos únicos de temas que xiran entorno a vodas, comuñóns, bautizos, retratos de estudo, grupos escolares e festas populares.

O edil valora moi positivamente a axuda por tratarse da “primeira vez que se xestiona dende o Concello unha subvención para o Arquivo municipal e tamén que este departamento recibe unha axuda destas características, aínda que os fondos deste fotógrafo foron adquiridos no ano 2016”.

A subvención permitirá recuperar e dixitalizar outros documentos textuais como os libros de antigos padróns municipais de habitantes da localidade de 1920 a 1950, concretamente 2.959 imaxes.

Segundo a Concellería de Cultura esta documentación que vai ser recuperada supón sobre todo un paso adiante a nivel etnográfico e na recuperación do patrimonio cultural de Redondela.

O traballo de dixitalización levará uns oito meses e os fondos pasarán a formar parte da Galiciana, a biblioteca dixital de Galicia impulsada pola Secretaría Xeral de Cultura da Xunta de Galicia. Se ben unha gran parte dos arquivos poderán ser consultados por todos os cidadáns, algunhas das instantáneas deberán permanecer aínda uns anos sen ser públicas por cuestións vencelladas á protección de datos, ao tratarse de retratos persoais.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará