O cambio implica limitacións na hostalaría, que só pode ocupar o 30 % das prazas no interior e o 50% nas terrazas. O ocio nocturno debe pechar e prohíbense festas e verbenas. A Xunta anuncia que se precintarán parques, praias e lugares de concentración de mozos para evitar botellóns.
Tal e como estaba previsto logo do incremento de casos Covid no municipio, o Comité Clínico decretou que a partir do sábado Redondela pase ao nivel medio de restricións. A incidencia acumulara no Concello está en 175 casos por cada 100.000 habitantes nos últimos 14 días.
Tamén Salceda de Caselas entra neste nivel, ademais da cidade de Pontevedra e outros municipios da provincia como Poio, Marín e Caldas de Reis. No resto de Galicia estarán tamén no nivel medio Culleredo, Ribadavia, Ourense e Barbadás. Todas estas localidades terán restricións na hostalaría, que só pode ocupar o 30 % do seu aforo no interior e o 50% nas terrazas. O nivel medio supón tamén o peche do ocio nocturno e a prohibición de festas e verbenas.
Outro grupo de Concellos, a maioría do Salnés, entran en nivel alto de restricións. Son Cambados, A Illa, Vilanova e Vilagarcía, ademais de Sarria.
O comité clínico que asesora á Xunta de Galicia na xestión da pandemia provocada pola covid−19 acordou na súa xuntanza desta tarde, o nivel alto de restricións para os concellos de Sarria, Cambados, A Illa de Arousa, Vilanova de Arousa e Vilagarcía de Arousa. As limitacións aquí so máis altas: os locais de hostalaría deben ter pechado o seu interior e só poden empregar o 50 % das prazas das terrazas.
Os restantes concellos galegos permanecerán no nivel medio baixo, que permite unha ocupación total das terrazas e a metade do ocupación interior. Todas estas medidas entrarán en vigor ás 00:00 horas do vindeiro sábado, 10 de xullo.
Preocupa o incremento de casos entre os mozos
Os casos activos achéganse aos 3.000 coa maior repunta de positivos en case cinco meses (+367). A área sanitaria de Vigo é a que máis incrementa os casos (+93) e rexistra un total de 572. No cómputo total a área viguesa segue por detrás da Coruña, que suma 669 (+26), e Pontevedra, que rexistra un total de 580 (+34). Desde o goberno galego anuncian que non está previsto solicitar un toque de queda ou o peche do ocio nocturno, pero si outras medidas para evitar o risco de contaxio entre os máis novos. O presidente Feijóo anunciou que se precintarán parques, praias e lugares de concentración de mozos para evitar que se realicen botellóns. Tamén manifestou que a Xunta fará cribados gratuítos nos covidautos. O titular do Executivo galego fixo un chamamento para que todos participen nestes cribados, sobre todo os mozos, que son “a poboación máis vulnerable neste momento”.