Hoxe é Mércores 24 de Abril de 2024
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

A Fonte de Santiago recupera o seu esplendor

Fonte de Santiago. Redondela (5)

Este elemento patrimonial atopábase en malas condicións de conservación, deteriorado tanto pola humidade e contaminación ambiental como por intervencións anteriores.

A Fonte de Santiago, situada na praza do mesmo nome, é un dos elementos patrimoniais destacados do centro da vila. As obras de recuperación enmárcanse dentro dunha iniciativa global de rehabilitación e posta en valor do patrimonio histórico-artístico e cultural do municipio, e contaron cunha subvención da Deputación de Pontevedra de 10.667 €. Segundo o informe previo realizado pola empresa Acanto, especialistas en conservación do patrimonio, o estado no que se atopaba a Fonte de Santiago era malo “debido á degradación sufrida tanto polo factor ambiental coma polo factor humano”. A situación da fonte, a carón do río e preto do mar, propicia un alto grao de humidade ambiental “que unida aos contaminantes atmosféricos provoca o deterioro dos materiais”.

O factor humano tamén contribuíu á degradación da fonte, incluído o seu traslado ao novo emprazamento dentro da mesma praza “que obrigou ao desmonte íntegro da estrutura e os conseguintes danos ocasionados, como as marcas visibles de apancar as pezas”. A substitución do morteiro tradicional por un cemento máis duro deteriora a pedra “apreciándose ademais reconstrucións inadecuadas con cemento, faltas de volume ocasionadas por golpes e roturas durante o traslado”. No informe dos expertos tamén se detalla o dano causado “polo engadido de pezas metálicas por toda a superficie da fonte, como puntas e alcaiatas de ferro, utilizadas para a colocación de elementos durante as festas que ocasionan danos na pedra circundante”.

A concelleira de Patrimonio, María Castro, explica que os traballos “permitiron recuperar o estado orixinal da Fonte de Santiago e poñer en valor un elemento patrimonial de primeira orde”. Ás labores de recuperación realizadas engadirase agora un plan de mantemento que incluirá revisións anuais para retirar vexetación que poidan ir xurdindo. Tamén se realizarán limpezas cada catro anos “a cargo dun técnico en restauración ou baixo a súa supervisión”.

A recuperación da Fonte de Santiago enmárcase dentro do programa de actuación do Concello para a rehabilitación, conservación e posta en valor de todo o patrimonio cultural, histórico e artístico do municipio. Dentro deste plan fixéronse xa traballos como a restauración da Fonte da Raíña, en Cedeira, a rehabilitación do edificio do antigo Conservatorio na rúa Isidoro Queimaliños, ou a recuperación do cemiterio de Eidos.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará