Hoxe é Venres 26 de Abril de 2024
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

O choco reinvéntase nas Xornadas Gastronómicas

XornadasChoco

En salpicón, con fabas, recheos, en arepas, ou ao estilo tradicional na súa tinta ou en empanada. De ducias de maneiras poderá degustarse o choco nas Xornadas Gastronómicas que se celebran en Redondela do 7 ao 16 de maio. O Concello de Redondela pon así en valor o seu produto estrela en colaboración coa hostalaría local e a Confraría de Pescadores de Cesantes. O pósito redondelán foi o lugar elixido para presentar estas xornadas de exaltación do choco, que comezarán o venres 7 de maio e que se prolongarán ata o día 16. A iniciativa xorde ante a imposibilidade de celebrar a Festa do Choco polas restricións sanitarias impostas pola pandemia da Covid-19, segundo explica a alcaldesa Digna Rivas. Con estas xornadas gastronómicas buscan “dinamizar a hostalaría local, que pasou un ano moi duro” ao tempo que promocionan un produto “de excelente calidade” como o choco de Redondela. O feito de que a actividade se prolongue 10 días pretende evitar aglomeracións “e que toda a veciñanza que o desexe teña tempo para facer a súa reserva nos locais que participan”.

Digna Rivas, alcaldesa de Redondela

Rivas agradeceu a colaboración e apoio da hostalaría “que non dubidou en sumarse á iniciativa, achegar ideas e propostas e involucrarse na organización”. Son en total once os establecementos que ofrecen menús onde o choco é o protagonista. Son 78 Gastro Bar, Antolín, Café Bar Os Amigos, Casa Consejo, Casa Mucha, Don Vinarius, Lemos, Meraki, O Xantar de Otelo, Tapería Patri e Vila Bella. Todos ofrecen as súas especialidades para degustar o choco, con prezos que van desde os 2 euros dunha empanadilla, ata menús completos que oscilan entre os 22 e os 30 euros por persoa. Hamburguesa de choco con tetilla, risotto de choco, arroz crocante con choco ou brochetas de choco e vieira son algunhas das especialidades que poderán degustarse. Os menús menús poden consumirse no establecemento, coas limitacións de aforo existentes, ou degustalos na casa grazas ao servizo de recollida ou entrega a domicilio de balde que corre a cargo de Roombo. Para os hostaleiros trátase dunha boa iniciativa para darlle “un pulo” aos seus negocios logo dun ano “moi duro”, como explica Santi Figueroa, do 78 Gastro Bar. E os clientes poderán degustar un produto de excelente calidade a un prezo moi competitivo.

Santi Figueroa, hostaleiro participante nas Xornadas Gastronómicas do Choco

A proposta está a ter boa acollida, e xa son moitos os clientes que teñen feita a súa reserva para os vindeiros días. A clientela poderá entrar no sorteo de dous agasallos: unha Experiencia de Turismo Mariñeiro para dúas persoas e un lote de viños Capellán. Os cupóns para participar estarán á disposición dos clientes nos establecementos que participan nestas xornadas gastronómicas.

Ao redor das Xornadas Gastronómicas Choco de Redondela, o Concello artellou un programa de actividades como concertos ou tres días de “showcooking” que será retransmitido polas redes sociais do Concello. Persoeiros vinculados á tradicional festa do choco cociñarán “ao vivo” nunha carpa instalada diante do Concello.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará