Hoxe é Mércores 24 de Abril de 2024
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

Redondela solicita un cribado masivo ante o aumento de casos Covid

PCR

O Concello de Redondela entra esta medianoite no nivel máximo de restriccións, logo da decisión adoptada polo Comité Clínico que asesora á Xunta de Galicia. O municipio rexistrou un elevado incremento de casos nos últimos días. Os datos oficiais do Sergas confirman 83 casos activos de coronavirus, o que supón un 53% máis de contaxios que o xoves da pasada semana, cando os casos activos eran 54. A alcaldesa, Digna Rivas, afirma que este incremento de casos era previsible despois das festas de Nadal, ao aumentar as reunións familiares e sociais. A rexedora apela “á responsabilidade de todos no cumprimento das normas, porque é o único xeito de atallar a pandemia”. Agredece “o esforzo e sacrificio que fixeron a maior parte da veciñanza” e lamenta que “a irresponsabilidade de algúns prexudique agora a todos”.

Digna Rivas, alcaldesa de Redondela

Para tentar detectar o maior número de casos posible solicitará hoxe á Consellería de Sanidade a realización dun cribado “masivo” entre a poboación de Redondela. Rivas demanda que se faga “a un volume de poboación maior que na campaña anterior” e que se teña en conta “o elevado volume de poboación de Redondela. Entende que o número de probas PCR “non pode limitarse a 3.000 como noutros municipios da contorna, debe ser proporcional atendendo ao número de habitantes”.

Desde o Concello demandarán que este cribado se realice “preferentemente” no municipio e porán a disposición do Sergas “toda a infraestrutura que sexa necesaria” como os pavillóns municpais. Tamén demandan un cribado especial entre a poboación máis nova, de entre 15 e 20 anos “onde a porcentaxe de asintomáticos é maior que podería realizarse nos institutos”, algo que xa se está a facer noutros municipios galegos. Outra das demandas do goberno redondelán é a vacinación das coidadoras do SAF (Servizo de Axuda no Fogar) xa que se trata de persoal de risco “ao estar ao coidado de persoas maiores vulnerables”.

Nivel máximo de restricións

A partir das 12 da noite, Redondela volve ao nivel máximo de restricións. Isto supón o peche perimetral do Concello individual, polo que non se permite a entrada ou saída de Redondela agás por causas xustificadas como os desprazamentos por traballo, estudo, consultas médicas ou outras de forza maior. O interior da hostalería estará pechada e só se poderá atender nas terrazas ata as 18:00, aínda que a entrega a domicilio é sen límite. Adiántase o toque de queda ás 22.00 horas, medida que afecta a toda Galicia. As reunións, tanto en espazos públicos como privados, deben ser dun máximo de catro persoas non convivientes. O goberno local critica que estes cambios nas restricións en Redondela non se comunicasen ao Concello con anterioridade. Rivas, que non cuestiona a decisión, si reclama que os gobernos locais poidan ter a información “antes que os veciños, para poder resolver as súas dúbidas”.

Con carácter xeral, toda Galicia pasa como mínimo ao nivel medio-alto de alerta, o segundo máis duro. A mobilidade está permitida entre os Concellos neste grao, como Soutomaior, Pazos de Borbén e Fornelos de Montes. No caso da cidade de Vigo, tamén en nivel medio-alto, o peche perimetral é tamén individual, como no resto de cidades galegas, pola elevada mobilidade.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará