Hoxe é Sábado 7 de Decembro de 2024
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

A solidariedade, o mellor agasallo

PilarDaman

A crise sanitaria da Covid-19 modificou os plans da ONG Da man, pero non detivo os seus proxectos en Senegal. Pilar Martínez, presidenta da organización, que se atopaba en África cando se decretou o estado de alarma o pasado mes de marzo, regresou a Redondela “o último día e no último voo antes de que pecharan as fronteiras”. Víronse obrigados tamén a suspender en abril a viaxe de varios voluntarios de Redondela e Vigo que ían traballar en proxectos educativos, sanitarios e de melloras para o abastecemento de auga. Ata hoxe seguen anulados os voos a Senegal, pero Da man “segue desde traballando desde aquí, apoiando ás poboacións que máis o necesitan”. Continúan financiando os proxectos que realizan desde hai anos, como a escola, prestando asesoramento médico e tamén recursos económicos para afrontar necesidades básicas como alimentación ou asistencia sanitaria que o sistema senegalés non cubre. Martínez, médico especializada en pediatría, explica que tamén contrataron varias persoas para a confección e distribución de máscaras e mercaron o material necesario, deste xeito puideron repartir máis de 5.000 máscaras entre as familias dos poboados cos que colaboran.

A crise da Covid supuxo tamén no país africano o peche dos mercados, onde a través do trueque as familias dos poboados se abastecen de produtos básicos como arroz. Tampouco podían mercar sementes para plantar. Da man utilizou entón a ambulancia da que dispoñen na zona para desprazarse ás grandes cidades do país e mercar alimentos e sementes que distribuiron entre a poboación. “En Senegal, igual que en moitas partes de África, a peor enfermidade é a desnutrición”, explica Pilar, polo que os seus esforzos céntranse en asegurar a alimentación básica para nenos e adultos.

Este ano 2021 seguirán co traballo nas poboacións rurais de Touba Merina. Agora que todos os poboados contan xa con auga potable, o obxetivo é poñer en marcha novos proxectos: construir letrinas que melloren as condicións de vida nos poboados e levar electricidade. Ao mesmo tempo continuarán co traballo para mellorar o ensino e a saúde da poboación.

A escola de primaria, que puxeron en marcha hai 10 anos, conta hoxe con 109 alumnos e tres profesores. A ONG dotouna de electricidade, conexión a internet e catro ordenadores ademais de auga potable. Tamén becan aos alumnos que continúan os seus estudos en secundaria, actualmente 28. Segue en marcha tamén un taller de costura, que Da man dotou de máquinas e formaron a mulleres para a confección de prendas. Todos estes proxectos son posibles grazas ao traballo dos volunarios e voluntarias, e tamén ás achegas dos socios e colaboradores de Da man. Pilar Martínez amósase “moi agradecida” por toda esta axuda e salienta que a xente de Redondela “sempre responde”. Agora teñen á venda o seu calendario, a un prezo de 3 euros. Pode adquirirse en establecementos como O Café da Vila, a Librería La Imprenta, ou no teléfono 670 910 488.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará