Hoxe é Martes 19 de Marzo de 2024
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

Redondela entra en alerta vermella

redon alertavermella

A continua escalada no número de casos detectados no noso concello ao longo da última semana levou a Consellería de Sanidade a decretar a alerta vermella. Sitúase así o noso municipio no nivel máis alto xunto a outros catro concellos da área sanitaria viguesa: Salvaterra, Tui, Cangas e Vigo, cidade que supera os 332 casos confirmados nos últimos sete días. O goberno local adoptaba xa o xoves diferentes medidas de cara a minimizar o risco de contaxios ante o constante avance do Covid, entre elas a cancelación de actividades culturais e outros eventos previstos para as vindeiras semanas.

Neste sentido, a alcaldesa Digna Rivas, confirma que logo de falar co Conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, descártase a adopción de novas medidas de prevención “trátase de parámetros numéricos que varían diariamente, polo que, polo de agora, non é necesario tomar medidas a maiores das que xa están están aprobadas”.

Unha situación en todo caso preocupante logo de que o mapa epidemiolóxico que o Sergas actualiza diariamente a través da súa páxina web empeora así a posición de Redondela, que pasa de laranxa a vermello nunha semana onde o incremento de casos detectados foi crecendo paulatinamente. Un incremento que tamén experimenta o municipio veciño de Soutomaior, que pasa de amarelo a laranxa mentres que logran manterse no nivel máis baixo tanto Pazos de Borbén como Fornelos de Montes.

Nas últimas 24 horas melloraba a súa situación Nigrán, ao tempo que empeoraban claramente tanto Vigo como Redondela. Un mapa que se elabora atendendo ao número de casos confirmados por PCR nos últimos 7 días. De feito, na área sanitaria viguesa onte teríanse confirmado 95 casos fronte aos 71 do día anterior. Con todo, o peor día da semana (e do último mes) sería o pasado sábado con 138 positivos.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará