Hoxe é Luns 29 de Abril de 2024
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

Redondela urxe unha reunión co xefe dos centros de saúde ante as deficiencias na atención

Centro de Saúde de Redondela

Unha situación “inaceptable” cunha atención telefónica colapsada e sen a posibilidade de citas presenciais, ao que hai que engadir os problemas na campaña de vacinación contra a gripe sen doses suficiente para os pacientes que xa contan con cita previa. O concello vén de reiterar a solicitude de reunión co responsable de centros sanitarios ante a falta de contestación. Advirten que de non obter resposta apelarán directamente á Consellería de Sanidade.

O Goberno local de Redondela considera “absolutamente inaceptable” a situación que están a padecer as veciñas e veciños do municipio “sometidos a unha máis que deficiente atención sanitaria” nos centros de saúde de Redondela e Chapela. O concello solicitou en diversa ocasións unha reunión con Roberto Devesa González, xefe de servizos dos centros de saúde de Redondela, para abordar esta cuestión, sen obter contestación algunha. A última petición facíana este xoves, ante “a situación de abandono que sofre a veciñanza nun momento crítico como o que estamos a vivir” segundo apuntaba a alcaldesa Digna Rivas.

Unhas deficiencias ás que hai que sumar o “despropósito” da campaña de vacinación contra a gripe, que segundo trasladaron os veciños está a supor que moitos deles malia contar con cita previa teñan que volver para as súas casas sen vacinarse por non haber doses suficientes. Ademais de que as primeiras citas dispoñibles son para o mes de decembro.

Dende o concello, lamentan que malia a colaboración da Concellería de Medio Ambiente para a difusión da campaña antigripal polas parroquias, agora se estea a demorar a vacinación por unha xestión deficiente da Xunta de Galicia que afecta a un sector da poboación de especial risco, como son os maiores.

Malia todo dende o goberno local tenden a man e a alcaldesa asegura que “estamos abertos á toda a colaboración que faga falta e a poñer os medios que, dentro das nosas competencias e nosas posibilidades, sexan precisos”, pero para iso entenden imprescindible que se celebre “unha reunión para coordinar as actuacións e conseguir que estas sexan eficaces”. De non obter resposta, explican que optarán por outras vías, como dirixirse directamente á Consellería de Sanidade.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará