O goberno pide adiantar as visitas aos cemiterios para evitar as aglomeración o 1 de novembro, aconsella así adiantar a compra de flores e ornamentación de tumbas e anuncia estritas medidas de protección nos cemiterios dos Eidos e Mañó, ambos de titularidade municipal. Estableceranse itinerarios de entrada e saída, limitarase o aforo e aconséllase ás familias que as visitas non excedan os 30 minutos.
De cara a evitar aglomeracións o día 1 de novembro, festividade de Todos os Santos, e dada a actual situación de emerxencia sanitaria, o Goberno local recomenda á veciñanza adiantar a compra de flores e o arranxo das tumbas nos cemiterios, “como medida para evitar aglomeracións de última hora e cumprir coas ordes das autoridades sanitarias ao respecto”.
Asemade, o Concello que preside Digna Rivas, anunciou a adopción de medidas estritas de control nos cemiterios de titularidade municipal –Eidos e Mañó– cuxo cumprimento será vixiado por Protección Civil e Policía Local.
Neste sentido, estableceranse itinerarios de entrada e saída nos camposantos municipais e limitarase o aforo polo que o Concello, de cara a cumprir este límite de ocupación, “aconsella ás familias que as visitas non excedan os 30 minutos”, sinala o concelleiro responsable de Cemiterios, Vicente Lamas, ademais de cumprir as medidas de protección como o uso obrigatorio de máscara en todo momento, mantemento da distancia de seguridade e a prohibición de fumar sen descartar “que nos momentos de máxima afluencia, e se así o aconsella a situación, establézanse sentidos de marcha dentro dos propios cemiterios para evitar cruzamentos de persoas”.