O BNG cualifica de “extremadamente grave” esta situación que se está a producir dende o 1 de setembro e insta ao goberno de Digna Rivas a tomar cartas no asunto. Entenden que a situación actual está motivada polo feito de que “as Comunidades de augas carezan dende hai anos de subvencións municipais para diferentes obras e reparación de avarías”.
Para o BNG, estas asociacións que subministran auga de consumo á metade da poboación de Redondela “deben contar co respaldo económico municipal, pois están suplindo o papel que lle correspondería á administración”. En moitos casos, as obras de ampliación, renovación, ou mesmo o arranxo de avarías, deben ser afrontadas con achegas extraordinarias dos usuarios e usuarias. Critican que “nin o actual goberno municipal nin o anterior amosaron interese en colaborar economicamente coas Traídas”.
O voceiro municipal do Bloque, Xoán Carlos González, cualifica de “extremadamente grave” a situación da Traída de Augas de Quintela, que xestiona a auga dunhas duascentas vivendas. “Nos últimos veráns sufriron importantes restricións no consumo, posto que a parte alta da parroquia chegou a quedar sen auga. Agora, dende o primeiro de setembro a directiva aconsellou aos comuneiros non consumir directamente da billa por mor dos baixos níveis en diferentes parámetros de salubridade”. Salienta que dende a Comunidade estase actuando con responsabilidade, asumindo diversas obras de mellora, como a instalación de clorímetros.
O BNG condiciona o seu apoio aos orzamentos do ano 2021, que se recolla nesas contan unha dotación de 50.000€, para subvencións ás Comunidades de Auga.