Hoxe é Domingo 8 de Decembro de 2024
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

O CEIP Padín Truiteiro mellora a accesibilidade

RR_Noticias

Soutomaior prepara a volta ás aulas con obras de acondicionamente en varios centros. No Padín Truiteiro instaláronse varias ramplas para mellorar a accesibilidade do centro e renovarase o peche exterior coa construción dun novo muro contra o camiño O Forno. En Redondela, Concello e Consellería de Educación reuníronse para retomar obras pendentes que quedaron en suspenso pola Covid-19, como o cambio de fiestras co CEIP Outeiro das Penas, e reparacións en Reboreda e no Alexandre Bóveda de Chapela.

Os centros de ensino público do Concello de Soutomaior levan varios días preparándose para satisfacer as necesidades de profesores e alumnos de cara ao comezo do próximo curso escolar. Os traballos afectan a todos os centros, aínda que a maior parte do investimento concentrouse no CEIP Padin Truiteiro ao ser o que conta cun maior número de alumnos. O alcalde de Soutomaior, Agustín Reguera, destacou que os traballos dan resposta “ás necesidades expradas polas directivas dos centros”, con quen se acordan as obras “prioritarias” cada ano. A principal novidade é a mellora de accesibilidade do CEIP, no que xa se instalaron tres ramplas para facilitar o acceso, unha delas directa á biblioteca do centro. Ademais, para aumentar a seguridade do centro e dos alumnos, construirase un novo muro perimetral no linde co camiño O Forno e acondicionarase o peche exterior. Do mesmo xeito renovarase por completo o sistema de iluminación do pavillón deportivo escolar e ampliarase a cuberta exterior do patio para aumentar a protección contra a choiva durante o tempo do recreo. Por último, substituiranse diversos cristais e luminarias en mal estado, limparase a fachada do antigo edificio de secundaria e realizaranse diversas revisións e reparacións nas aulas, patios e elementos de recreo. No resto de centros, as escolas infantís de Romariz e A Galiña Azul, levarán a cabo traballos de revisión de aspectos fundamentais como a instalación eléctrica, os elementos de iluminación e a climatización, así como varios traballos de pintura nas zonas e aulas que os profesores solicitaron.
Xuntanza do Concello de Redondela e Consellería de Educación
Na reunión mantida entre a alcaldesa Digna Rivas e o xefe territorial de Educación, César Pérez Ares, puxéronse sobre a mesa os temas pendentes que quedaron en suspenso pola Covid19. Rivas, que estaba acompañada na xuntanza pola concelleira de Ensino do Concello redondelán, Olga García Ballesteros, subliñou á necesidade de retomar “de xeito inmediato e á maior urxencia posible” os compromisos que tiña adquiridos a Xunta con Redondela en materia de Ensino. Entre outros temas, tratouse do cambio de fiestras no CEIP Outeiro das Penas, en Cesantes; da reparación integral do colexio de Reboreda, edificio construído hai máis de 50 anos, e o cambio do falso teito no Alexándre Bóveda de Chapela, onde se traballa na colocación dun ascensor para facelo “totalmente accesible”. A alcaldesa subliñou a “receptividade” amosada polo xefe territorial de Educación “que sempre tivo unha especial sensibilidade con todos os asuntos relacionados co ensino neste municipio”.
 

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará