Hoxe é Sábado 12 de Outubro de 2024
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

“Elsa” inunda Redondela

RR_Noticias

As rúas do centro da vila convertéronse na tarde noite de onte nun auténtico río. As arquetas, principalmente das rúas Ribeira, Xeneral Rubín e praza da Constitución víronse desbordadas polas fortes precipitacións e a auga anegou os comercios que se atopan á beira da rúa. Un temporal que deixou tamén problemas no alumeado público en diferentes parroquias, árbores caídos en varios puntos do concello e muros que se viñeron abaixo por mor da auga.

Durante toda a madrugada efectivos de Protección Civil traballaron na retirada dunha árbore caída na Estrada de Ventosela que impedía o paso de vehículos. Foi esta tan só unha das múltiples incidencias que dende a tarde de onte se teñen producido no noso concello. Dende a Policía Local informan de árbores caídas pero tamén de cables do alumeado, como no caso de Santo Paio de Abaixo en Reboreda, onde foi preciso intervir para retiralos da calzada. Tamén en Saramagoso no Viso e na Estrada de Pazos, á altura do supermercado Familia, producíronse caídas de muros de terra. No centro da vila, na rúa Prata, viuse abaixo un pequeno muro neste caso de bloques que provocou danos a un vehículo estacionado.
Con todo, as imaxes máis impactantes son as que nos deixa o centro da vila que, unha vez máis, coa s rúas Alfonso XII, Ribeira e Xeneral Rubín completamente anegadas cunhas arquetas que non daban abasto para absorber as fortes precipitacións que nos deixaba o temporal Elsa. Unhs balsas de auga que afectaban tamén á circulación na zona de Santa mariña, á altura do Conservatorio. Un auténtico río cruzando o centro da vila que afectaba tamén a algúns dos establecementos comerciais que se atopan a beira da calzada.
Un paso o de Elsa que se deixo notar en toda a provincia con incidencia en Vigo e tamén no aeroporto de Peinador, onde tiveron que ser cancelados numerosos vos entre Vigo e Madrid. O transporte de ría tamén se viu afectado e durante cinco horas os barcos non saíron nin dende Vigo nin dende Cangas e Moaña. Precisamente na zona do Morrazo vivíase un dos sustos da xornada cando se desprendía o revestimento da fachada dun céntrico edificio en Cangas que obrigou a mobilizar durante todo o día tanto a Policía como a protección civil.
Unha adversa situación meteorolóxica que levaba tamén onte á Consellería de medio Ambiente a anunciar o aprazamento da festa de solsticio de inverno que se ía celebrar este sábado, unha actividade lúdico e festiva que tiña como protagonistas aos nenos e que incluía un paseo pola beira do río Pexegueiro na zona da Marisma. Ante as previsións de vento e chuvia, tamén de cara ao sábado, este departamento decidiu pospoñer a actividade ata unha nova data, aínda por determinar.
 

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará