Hoxe é Venres 26 de Abril de 2024
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

San Simón acolle o VIII obradoiro de tradución poética Con Barqueira e remador

RR_Noticias

A cita contará coa presenza de autores internacionais que traducirán textos a idiomas como o galego, o nepalí, o maltés, o árabe, o portugués e o letón. O obradoiro desenvolverase na semana do 30 de setembro ao 5 de outubro baixo a coordinación da poeta Yolanda Castaño e co apoio da Xunta de Galicia. A iniciativa complétase con dous recitais poéticos en linguas orixinais e con traducións ao galego que se celebrarán o mércores 2 e xoves 3 de outubro en Pontevedra e Vigo.

O director xeral de Políticas Culturais, Anxo M. Lorenzo, participou na presentación do VIII Obradoiro Internacional de tradución poética Con barqueira e remador, un evento coordinado pola poeta Yolanda Castaño. A actividade literaria arrincará o luns 30 de setembro, Día da Tradución, e desenvolverase ata o 5 de outubro, datas nas que seis autores procedentes de diversos países realizarán un labor de tradución colectiva, presencial e recíproca aos idiomas representados, que nesta edición son o galego, o nepalí, o maltés, o árabe, o portugués e o letón. Máis polo miúdo, os participantes serán Manal Al-Sheikh (Iraq), Adrian Grima (Malta), Arvis Viguls (Letonia), Rui Cóias (Portugal) e Itisha Giri (Nepal). Galicia estará representada da man de Gonzalo Hermo, único gañador na historia do Premio Nacional de Poesía Joven cun libro orixinalmente escrito en galego.
Unha vez de volta nos países de orixe logo do traballo realizado en Galicia, cada participante dará a coñecer os resultados en revistas especializadas, magazines literarios ou publicacións colectivas, completando o círculo dun proxecto singular que contribúe á divulgación dun xénero referencial como a poesía.
A iniciativa, complétase con dous recitais poéticos en linguas orixinais e con traducións ao galego que se celebrarán o mércores 2 e xoves 3 de outubro.
 

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará