Hoxe é Luns 9 de Decembro de 2024
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

Redondela salda a súa débeda coas mulleres que axudaron aos presos de San Simón

RR_Noticias

Josefa e Carmen Rodríguez Esteiro, Filomena Blanco, Ceferina Docampo, María Davila, Candelaria Araujo, Maruja Chiquiña, Rosa de Louro… e outras moitas mulleres de Redondela, Cesantes e a Portela teceron nos anos máis duros da posguerra unha rede de solidariedade para trasladar un anaco de esperanza aos centos de presos de San Simón. Malia que no 2017 se aprobara unha moción no pleno do concello para homenaxear a estas mulleres, o anterior goberno nunca chegou a cumprir ese acordo plenario. Por ese motivo dende o BNG convocan aos veciños a un acto homenaxe que terá lugar este sábado ás 20:00 horas na zona da Portela.

“É un recoñecemento que Redondela lle debe a estas mulleres que sen pedir nada a cambio xogáronse a vida por trasladar aos presos de San Simón un pouco de esperanza” así o explica dende o BNG, Anxo Lusquiños, quen lembra que esta rede de solidariedade naceu dun feito concreto “no ano 1938 ponse a andar este movemento cando un barco con máis de mil presos vascos quedan dentro da embarcación porque non hai sitio en San Simón. Faustino da Portela xunto coas súas fillas comezan a colaborar con estes presos e a eles sumaranse mulleres de Cesantes, Redondela e a Portela que nos anos seguintes, ata o 1945 lle levarán bolas de pan e empanadas de xoubas, lavaranlles a roupa e mesmo lles cosen mensaxes de esperanza para tentar paliar todo aquel horror”. Estes feitos son recollidos no libro “Non des a esquecemento” do deputado no parlamento galego, Luis Bará, quen será encargado de poñer voz a este acto que se celebra na xornada do sábado ás 20:00 horas no final do paseo marítimo onde haberá tamén unha ofrenda floral.  

Anxo Lusquiños BNG
Un acto que entenden é máis que merecido
Mulleres valentes e desinteresadas
Algúns nomes son coñecidos outras quedaron no anonimato

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará