Hoxe é Xoves 25 de Abril de 2024
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

Debate electoral: das axudas á natalidade do PP ás críticas polo “abandono” dos Servizos Sociais

RR_Noticias

Os partidos políticos aproveitaron a súa presenza no debate para abordar cuestións diversas no bloque centrado en políticas sociais, emprego e desenvolvemento local. Como medida estrela anunciou o PP “600 euros por fillo durante tres anos” dentro das súas políticas de axudas ás familias. AER reclamou a creación de vivendas sociais na antigas casas dos mestres e o PSOE comprometeuse a crear unha unidade terapéutica de demencia. A candidata de Ciudadanos prometeu xestionar unha gardería para Chapela e dende o BNG e Unidas Podemos comprometeron unha maior atención aos Servizos Sociais municipais.

O tempo era escaso para abordar temas de calado para a cidadanía como o emprego ou as políticas sociais. O primeiro en intervir era o candidato do BNG, Xoán Carlos González quen centraba as súas críticas cara a xestión que o PP fai dos orzamentos destinados a diferentes ámbitos de Servizos Sociais “os cartos que sobre o papel se destinan a estes servizos acaban sendo trasladados a outros ámbitos” e lembrou que o PP está a delegar en entidades sociais a cobertura de servizos que se deberían dar dende a administración. Críticas tamén a que “o traslado das oficinas de Servizos Sociais sega sen producirse malia estar a disposición do concello os baixos de Regojo onde está previsto instalar esas oficinas”.
Quenda para o PP cuxo candidato, Javier Bas, centraba a súa intervención en anunciar diferentes medidas destinadas a promover a natalidade “600 euros por fillo durante tres anos e máis prazas nas escolas infantís”. Falaba tamén da creación de bolsas para estudar inglés no estranxeiro.
A candidata de AER, Susana Couñago  aproveitaba a súa intervención para lembrar que “hai dous anos aprobouse destinar a vivendas sociais as antigas casas dos mestres e seguimos esperando”, anunciou o seu compromiso de crear o observatorio da Discapacidade e criticou que “o PP de Redondela venda como un logro a redución das lista do paro cando o que baixou é a poboación activa”.
A creación dunha unidade terapeutica de demencia “un servizo imprescindible que existe noutros concellos de menor tamaño que Redondela” e o cambio de lugar de Servizos Sociais foron os compromisos da candidata socialista Digna Rivas quen comprometeu tamén a creación de bolsas de emprego para parados de longa duración e mulleres vítimas de violencia de xénero.
O candidato de Unidas Podemos, Enrique Fojo falou tamén do “abandono do PP dos servizos Sociais” e da necesidade de dotalo de persoal suficiente así como facer efectivo o seu traslado a instalacións máis axeitadas. Criticou tamén os convenio do concello con empresas “que levan aos veciños a traballar gratis durante semanas coa esperanza de facerse cun traballo”.
Pechaba a quenda de intervencións a candidata de Ciudadanos, Paqui Canal quen puxo o acento na necesidade de que se xestione unha gardería para Chapela “unha promesa dende hai anos que segue sen facerse efectiva e que nós comprometemos a facer realidade”.
 

 

Xoán Carlos González BNG
Demanda o traslado dos servizos sociais
Javier Bas PP
Anuncia medidas para fomentar a natalidade
Susana Couñago AER
Observatorio da discapacidade
Digna Rivas PSOE
Anuncia unha unidade terapeutica de demencia
Enrique Fojo Unidas Podemos
Denuncias o abandono de Servizos Sociais
Paqui Canal Ciudadanos
Anuncia unha gardería para Chapela

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará