Hoxe é Xoves 28 de Marzo de 2024
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

Soutomaior confía en “bater todas as marcas” de asistencia na XXXIII Festa da Ostra de Arcade

RR_Noticias

Como cada ano, a primeira fin de semana de abril vén marcada por unha das citas gastronómicas máis importantes da bisbarra, a Festa da Ostra. Celebrarase no peirao de Arcade os días 6 e 7 de abril con degustación de ostras en diferentes especialidades e tamén doutros produtos da ría como ameixas, camarón, choco ou anguía.

A máis importante festa de Soutomaior, que se celebrará esta fin de semana en Arcade, reunirá a máis de 30.000 asistentes que consumirán ao redor de 100.000 unidades de ostra. Na presentación da cita, celebrada na Casa Obradoiro Luis Seoane de Alxán, o alcalde de Soutomaior amosouse moi optimista en canto á afluencia de público para esta edición, na que Agustín Reguera confía en bater “todas as marcas”. Para iso ofrecerán “o mellor produto da ría e nas mellores condicións”. Unha das principais novidades deste ano é a inclusión da tradicional “Mostra de artistas da bisbarra” dentro da programación da Festa da Ostra, que abrirá as súas portas no Multiusos de Arcade o venres, día 5 de abril. Tamén o venres haberá actuacións musicais, co concerto do grupo América. como explicaba Dolores Cernadas. A concelleira de Cultura presentou o programa cultural da festa, que pretende ser un complemento á oferta gastronómica, “xa de por si moi atractiva” con actuacións e espectáculos para todos os públicos. A Festa da Ostra contará con grupos tradicionais, como A Roda, orquestras de relevancia, como a Panorama, e animación musical no centro urbano a cargo das charangas e as dúas bandas de música locais. O sábado as casetas para a degustación abrirán as súas portas a partir das 12.00 do mediodía e pola noite celebrarase a tradicional verbena nocturna e tirada de fogos artificiais desde a praia do Peirao de Arcade. O domingo 7, día grande dos festexos, as casetas de ostras abrirán as súas portas dúas horas antes, ás dez da mañá. Ás 13:00 horas, terá lugar a soada Lectura do Pregón, que este ano correrá a cargo da coñecida actriz e presentadora, Nieves Rodríguez. Do Mar ao Prato A Confraría de Arcade formará parte, por terceira vez, desta cita culinaria. Será cunha carpa situada no mesmo recinto da festa na que se poderán degustar racións de ameixas á mariñeira e ao albariño de Soutomaior, choco á feira con repolo, anguía ao estilo tradicional e crocante de quisquilla. A intención, indicou o patrón maior Alberto Cal, é a de recadar fondos “para devolver á ría unha parte da riqueza que nos dá cos seus froitos”, e mercarán semente para repoboar os bancos marisqueiros. Ademais esta festa serve tamén “para dar a coñecer os produtos da ría e os viños da zona”. A presidenta das mariscadoras, Rosa Vilán, afondou tamén na idea de que esta festa gastronómica é importante para promocionar “os excelentes productos que os traballadores e traballadoras do mar extraen da ría”, e agredeceu a colaboración do Concello de Soutomaior que fai posible este evento. Na presentación desta XXXIII Festa da Ostra participou tamén o artista local Fabián Piñeiro, autor do cartel promocional desta edición, quen recoñeceu sentirse “moi honrado” porque o Concello pensara nel para este encargo, xa que se trata da festa “máis importante do municipio”. Explicou que se baseou na elegancia e sofisticación dun marisco como a ostra para- elaborar o cartel, no que destacan as liñas “simples e puras”.

Agustín Reguera alcalde de Soutomaior
O alcalde confía en bater todas as marcas de asistencia na Festa da Ostra deste ano.
Dolores Cernadas concelleira de Cultura
Cernadas presentou o programa cultural da festa con actuacións e espectáculos para todos os públicos.
Alberto Cal Patrón Maior
A Confraría ofrece pratos de ameixas choco anguía e "quisquilla" para promocionar os produtos da ría e racadar fondos para rexenerar bancos marisqueiros.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará