A Coordinadora Galega de Atención Primaria decidiu manter a folga convocada para os próximos días 9, 10 e 11 de abril para demandar do Sergas máis orzamento e máis persoal. Os usuarios dos centros de saúde de Redondela e Chapela entenden a decisión dos facultativos, e denuncian a falta de médicos, xa que non se están a cubrir nin as baixas nin as vacacións dos facultativos.
Os ambulatorios do municipio levan semanas secundando os paros de 5 minutos que a plataforma está a celebrar en toda Galicia, e os xefes de servizo de Redondela e Chapela (a doutora Ana Tapias e o pediatra Juan Manuel Sánchez) ratificaron a súa dimisión. Coa folga convocada para o próximo mes queren esixir ao Servizo Galego de Saúde unha xerencia de Atención Primaria en igualdade de condicións que a Atención Hospitalaria. Tamén un aumento no orzamento do 25% e incremento de persoal. Tamén contratos “estables e dignos” para unha prestación asistencial de calidade. Os veciños de Redondela comparten as reivindicacións dos facultativos, que ven “xustas”. Juan Carlos, que é usuarios do centro de saúde de Redondela, entende que fan falta máis persoal, que unha consulta de 4 minutos “non é suficiente para dar unha atención de calidade aos pacientes”, e denuncia que os recortes están a causar un grave dano á sanidade pública. A situación no Centro de Saúde de Chapela é similar. Carla tamén demanda “máis médicos e enfermeiras”, xa que non se substitúe ao persoal sanitario cando están de baixa ou de vacacións. A situación de precariedade dáse tanto na Atención Primaria como na hospitalaria. Marina, veciña de Reboreda, lamenta as longas esperas de meses para a consulta cun especialista. Afirma que a “precariedade laboral” á que se ven sometidos os profesionais a nivel estatal, lévaos a marchar fóra de España, e agora “non hai médicos”. Segundo os veciños, o deterioro da sanidade pública “é notable” nos últimos anos debido aos sucesivos “recortes” desde o comezo da crise. Unha situación que tamén se da na educación “e noutros servizos públicos”, e lamentan que malia a recuperación económica a situación “non mellora”. Un deteriorio que está a beneficiar á sanidade privada, segundo Juan Carlos, xa que ante as longas listas de espera “moita xente opta por acudir á consulta dun médico privado”. Entre as iniciativas que baralla agora a Coordinadora Galega de Atención Primaria está a de recoller firmas para solicitar a dimisión dos xefes de servizos doutras áreas ou levar a cabo outros actos de protesta.