Hoxe é Xoves 18 de Abril de 2024
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

O papel das mulleres no traballo do mar

RR_Noticias

A Casa do Concello de Pazos inaugura hoxe a mostra “Achegas das mulleres á sustentabilidade do mar”, unha exposición promovida pola Deputación de Pontevedra e Universidade de Vigo. O seu obxectivo é darlle visibilidade ao papel da muller no ámbito mariño. A mostra está composta por vídeos e fotografías de redeiras, mariscadoras, vendedoras de peixe e tamén científicas.

“Achegas das mulleres á sustentabilidade do mar” chega a Pazos de Borbén tras o seu paso por Poio, Mondariz, o Museo do Mar da Guarda, o Campus de Ourense, o Campus de Vigo e o de Pontevedra. De feito, foi neste último campus e da man da directora do proxecto, María Álvarez Lires, onde xurdiu a idea de impulsar unha exposición para darlle visibilidade ao papel da muller e á súa contribución na economía do mar, poñendo en valor o traballo que as mulleres desenvolveron ao longo dos séculos en relación co mundo marítimo. A mostra está composta por vídeos e fotografías de redeiras, mariscadoras, vendedoras de peixe, traballadoras do sector da conserva, e tamén científicas como a oceanógrafa Ángeles Alvariño ou a que fora directora do Instituto Español de Oceanografía, Aida Fernández. A exposición recolle tamén imaxes, moitas delas inéditas, que serven para promover a igualdade e a acción positiva entre os futuros profesionais e científicos. A inauguración terá lugar hoxe martes, ás 12.00 horas, coa participación da deputada provincial Chelo Besada e do alcalde de Pazos de Borbén, Andrés Iglesias. A exposición poderá visitarse no vestíbulo da Casa do Concello, en horario de 8:30 a 14:30 horas, de luns a venres, ata o día 19 de novembro.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará