O Alcalde de Redondela xunto a concelleira de urbanismo, Mª Carme Amoedo reuniuse co presidente da autoridade portuaria, Enrique López Veiga, para lle trasladar o seu rexeitamento a instalación dun depósito de colectores nunha contorna protexida por Rede Natura 2000. Aposta Javier Bas porque se faga un aproveitamento cultural, turístico e ambiental da zona mellorando os accesos ao Meirande.
Unha reunión que chega logo da polémica polas críticas dos grupos da oposición en Redondela, quen acusan ao alcalde de apoiar no Consello da Autoridade Portuaria celebrado a finais de xullo a proposta de López Veiga de comprar os terreos de Duches para a instalación dun almacén de colectores. Explican dende o goberno local que, para deixar claro o seu posicionamento, reuníronse o presidente do ente para trasladarlle que “a súa postura seguía sendo a mesma que mantivera nas múltiples reunións que tanto en solitario como con colectivos de Redondela celebrou no ultimo ano co, nas que lle manifestou sempre a necesidade de mellorar uns accesos que a día de hoxe son perigosos así como potenciar toda a contorna do Castelo de Rande e a aula de Interpretación para facer un aproveitamento cultural, turístico e ambiental dunha zona a protexer e impulsar”.
Insisten en que o apoio do alcalde no consello de administración do 27 de xullo á proposta de compra de terreos de Duches por parte da autoridade portuaria veu motivado porque “para o Concello é moito mais sinxelo negociar cun ente público como a autoridade portuaria que cunha entidade privada á hora de poder continuar impulsando turisticamente esta zona”. Lembran neste sentido que dende que chegaron ao goberno impulsáronse proxectos como o Meirande, a rehabilitación do castelo de Rande e a instalación dun pantalán.