Non é unha imaxe inaudita pero si pouco usual. Nesta semana as mareas vivas fan que o mar suba o bastante como para facer desaparecer baixo a auga practicamente toda a zona de praia e que rebase con moito o paseo de madeira e o valado que protexe parte do areal das pisadas dos bañista. Incluso a zona de xogo dos cativos viuse anegada estes días ante a crecida das mareas.
A altura da preamar, que estes días se produce a media tarde, está a deixar estampas pouco habituais na zona da punta da praia de Cesantes. Un mar que se traga todo o areal e obriga aos bañistas, que seguen a ateigar a praia debido as altas temperaturas, a levantar toallas e trasladarse a zona interior.