Hoxe é Venres 19 de Abril de 2024
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

Medran os peregrinos do Camiño Portugués e as queixas pola falta de sinalización na ruta da Costa

RR_Noticias

As peregrinaxes a Santiago aumentan cada ano a través do Camiño Portugués que atravesa Redondela, tanto polo roteiro interior como polo litoral. Os camiñantes valoran a beleza da paisaxe e a “gran experiencia” que supón facer o camiño, pero lamentan “a falta de sinalización” no Camiño Portugués da Costa, sobre todo entre A Ramallosa e Vigo.

É unha estampa xa habitual en Redondela ao longo de todo o ano, pero sobre todo nos meses de verán: a dos peregrinos. Cada vez son máis as persoas que realizan o Camiño de Santiago Portugués atravesando a vila dos viaductos, xa sexa facendo a peregrinaxe interior ou a da costa, que medra en número de camiñantes. Precisamente en Redondela únense os dous camiños para continuar ata Compostela. A vía portuguesa sumou no primeiro semestre deste ano 26.940 persoas logo de facer o Camiño Portugués, o que supón un incremento dun 18% con respecto ao ano pasado. A variante pola costa ten un crecemento espectacular, e conseguiu duplicar o número de peregrinos con respecto ao primeiro semestre de 2017. Desde o seu recoñecemento oficial como itinerario xacobeo, en agosto de 2016, os peregrinos multiplicáronse por cinco. Pasouse das 1.474 persoas que o percorreron en 2015, ás preto de 8.000 que xa o realizaron este ano. Unha ruta “espectacular” por un litoral de fermosas praias e portos, segundo relatan os que a fixeron, pero tamén “con moitos problemas de sinalización”. Os peregrinos que elixen esta ruta quéixanse da falta de servizos e de sinalización, sobre todo na chegada a Vigo. É o caso de Eunice e e Joao, que fan a peregrinaxe desde Caminha, a súa localidade. Nai e fillo lamentan que entre A Ramallosa e Vigo “non hai ningunha indicación”. Co mesmo problema se atopou Luis, un mexicano con moita experiencia na pereginaxe a Santiago, que xa realizou ata en 15 ocasións por itinerarios diferentes. Lamenta que as administracións responsables non doten da sinalización axeitada esta ruta pola costa, sobre todo na chegada a Vigo. En canto ao camiño portugués polo interior, con maior tradición, os peregrinos si aprecian os últimos anos unha mellora notable na sinalación e tamén nos servizos como albergues, puntos de información e establecementos de hostalaría. Así o apuntan Begoña e Sandra, veciñas de Baiona que fan o camiño portugués desde Tui. Só durante o pasado mes de agosto na Oficina de Peregrinacións recibíronse 60.412 peregrinos, deles case 14.000 pasaron por Redondela. O Camiño Portugués é o segundo con máis usuarios despois do Francés, cun 19,3% de peregrinos (11.657), e o Portugués da Costa contabilizou o 3,79% das peregrinaxes ( 2.290). En canto ás nacionalidades dos peregrinos, a maioría son españois, un 60%. Entre os estranxeiros o país que maior número de peregrinos achega é Italia, seguido de Alemaña e Portugal.

Eunice e Joao de Caminha
Nai e fillo falan da fermosura do camiño litoral pero lamentan a falta de sinalización sobre todo no acceso a Vigo.
Luis mexicano
Este veterano peregrino lamenta que as administracións non fagan o esforzo de sinalizar correctamente o camiño pola costa.
Begoña e Sandra de Baiona
Fan o camiño portugués interior desde Tui e advirten que o roteiro mellorou moito na sinalización e servizos.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará