Hoxe é Sábado 20 de Abril de 2024
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

Os GPS dos séculos pasados

RR_Noticias

Até o 31 de xullo pódese visitar a mostra “Cartografías de Galicia. O rostro dun país”. Un percorrido histórico pola cartografía e os seus avances na que se presenta unha recompilación de mapas con exemplares do século XVII até os nosos días. Preside a mostra unha réplica do Mapa de Fontán, impreso en 1834 e ao que tamén está vinculado o nome dun redondelán, o Capitán Antero Rubín. Un mapa que foi o froito de 17 anos de traballo do cartógrafo Domingo Fontán, a quen este ano se homenaxeou no Día da Ciencia en Galicia.

Centos de parroquias, aldeas e comarcas, son as que visitou o pontevedrés Domingo Fontán para a elaboración do seu mapa no que introduciu métodos innovadores como o sistema métrico decimal, que na España daquel entón aínda nin se intuían. O seu obxectivo, dotar a Galicia dunha ferramenta para fomentar o desenvolvemento económico. Un pioneiro na súa época cuxo traballo lle valeu o recoñecemento da raíña rexente, María Cristina de Borbón. Na historia deste documento tamén atopamos o nome de Redondela, porque sería o Capitán Xeneral de Galicia, Antero Rubín Homet, nado no noso municipio, o que promovería en 1917 unha reprodución por métodos fotográficos da obra de Fontán, a metade de tamaño, e no que se incluían novas estradas e o trazado do ferrocarril da época. A exposición, promovida polo Servizo de Normalización Lingüística xunto á Fundación Penzol, ofrece unha panorámica dos mapas que retratan Galicia desde o século XVII. Así podemos coñecer o desenvolvemento administrativo e territorial: o paso do antigo Reino, con sete provincias, á actual comunidade autónoma con catro. Tamén a configuración das comarcas, os accidentes xeográficos, as comunicacións terrestres ou a deturpación toponímica sucedida nun tempo no que o galego esta excluído da ciencia e do poder. Unha exposición que se pode visitar na sala 1 do Multiúsos da Xunqueira até finais de mes e na que se exhiben cartas náuticas de inicios do século XVII, que cumprían unha función indispensable para asegurar as travesías marítimas ademais de aportar información importante de cada un dos pobos. No mes de novembro, unha selección das pezas percorrerá as escolas de Redondela co gallo da dedicatoria a Domingo Fontán do Día da Ciencia.  

Concelleira Cultura Teresa París
A edil fai fincapé na importancia dos mapas para coñecer a evolución administrativa de Galicia
Director da Penzol Francisco Domínguez
Orixes da exposición e a súa importancia con mapas do século XVII
Mapa Fontán
Obra de Domingo Fontán cartógrafo ao que se lle dedicou este 2018 o Día da Ciencia en Galicia.
Redondela na historia do mapa
O redondelán Antero Rubín promoveu unha reprodución fotográfica da obra de Fontán en 1917.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará