Hoxe é Mércores 24 de Abril de 2024
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

Un pleno infantil con propostas moi adultas

RR_Noticias

Os nenos e nenas de Redondela irromperon con forza nun pleno municipal no que eles foron os protagonistas. Foron políticos por un día nunha sesión extraordinaria celebrada no Multiúsos da Xunqueira e na que reclamaron melloras nos equipamentos deportivos, nos parques infantís, reconversión de espazos degradados, melloras na accesibilidade e no transporte e lugares seguros para xogar, andar en bici ou desprazarse o colexio. A demanda máis escoitada facía referencia á necesidade de recuperar a antiga vía do tren en desuso e convertela nunha vía verde. O alcalde tivo ademais que escoitar unha interpelación directa por parte dun alumno do Colexio Igrexa “cando nos imos trasladar ao novo cole?”.  Unha pregunta que quedou sen resposta.

Nenos e nenas do colexio de Quintela, Igrexa, Alexandre Bóveda e Laredo, así como dos institutos de Chapela, Illa San Simón e Pedro Floriani, foron os encargados de trasladar ao pleno as súas demandas. Unha sesión infantil enmarcada dentro do proxecto “Redondela, cidade amiga da infancia” na que os rapaces achegaron as súas reivindicacións que buscan facer de Redondela unha vila máis agradable e accesible a toda a cidadanía en xeral a aos máis pequenos en particular. As reclamacións en moitos casos se repetiron por parte do alumnado que puxeron sobre a mesa a necesidade de mellorar as infraestruturas nas parroquias. Así o puñan de manifesto dende o Colexio de Quintela que reclamaron unha pista de patinaxe e bibicicletas para esta parroquia, a mellora da dotación deportiva do centro e a renovación do parque público. Mellor accesibilidade e maior atención á diversidade é o que demandaron dende o Colexio Igrexa baixo o lema “Todos somos diferentes”. Trasladáronlle incluso ao propio alcalde pictogramas para a súa colocación na casa do Concello e no Multiúsos que servirían para mellorar esa accesibilidade a estes edificios municipais. Pola súa banda, os rapaces e rapazas do colexio Alexandre Bóveda fixeron un percorrido pormenorizado das carencias da súa contorna en Chapela e Trasmañó e reclamaron do Concello a creación da vía verde pola vía do tren que conecte con Vigo, a mellora dos parques infantís coa colocación de baños, a mellora dos elementos de xogo e o mobiliario e unha maior seguridade. Tamén intensificar a seguridade viaria nas inmediacións do colexio coa colocación dun semáforo e mellorar Trasmañó “unha parroquia a que se lle presta pouca atención” coa construción de beirarrúas, senda para bicicletas e espazos seguros. Así como melloras na recollida do lixo. Tamén en Chapela os alumnos do colexio Laredo centraban a súa intervención na necesidade de adoptar medidas que diminúan a contaminación acústica. Participación tamén de rapaces de maior idade procedentes dos Institutos. No caso do IES Chapela este centro reclamaba a recuperación de espazos degradados como a propia vía do tren, limpar a praia de Arealonga, instalar fontes públicas e rexenerar instalacións deportivas, entre outras propostas. A intervención do alumnados do Instituto Illa San Simón recolleu propostas para mellorar a oferta cultura e de tempo libre cara os adolescentes coa creación dun lugar cuberto para actividades de ocio urbano, a proxección de películas no Multiúsos , un carril bici que permita achegarse ás praias e unha pista de patinaxe e atletismo, así como recuperar as clases municipais de teatro. Pecharon as intervencións os rapaces do Pedro Floriani cunha reflexión en torno á escasa presenza das demandas e preocupacións dos máis novos nos medios de comunicación. Dende o Concello o alcalde, Javier Bas, aseguraba que  tomaría nota de cada unha das demandas para estudar e dar resposta a cada unha delas en base á capacidade do goberno.  

Colexio Quintela
Demandas sobre saúde e benenstar e mellora infraestruturas deportivas
Colexio Igrexa
Todos somos diferentes
Alexandre Bóveda
Melloras no urbanismo de Chapela e Trasmañó
Colexio Laredo
Contaminación acústica
IES Chapela
Facer máis habitable o noso concello
IES San Simón
Mellorar as propostas de ocio e tempo libre para a xunventude
IES Pedro Floriani
Medios de Comunicación
Rogos e preguntas
Para cando o novo colexio Igrexa?
Javier Bas alcalde
Comprométese a estudar as propostas

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará