Hoxe é Venres 26 de Abril de 2024
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

A declaración de San Simón como Illa da Memoria abre a semana de actos de Reparación da Memoria

RR_Noticias

Trátase dunha campaña promovida polos colectivos de todo o país que forman a Iniciativa Galega pola Memoria para recoñecer o valor simbólico da illa como cárcere e campo de concentración durante a represión franquista. Presentacións literarias, recitais poéticos, mesas de debate e concertos completan o programa organizado dende a Deputación de Pontevedra e que se vai desenvolver durante toda a semana ás 20:30 horas no Pazo Provincial.

“A declaración de San Simón como Illa da Memoria supón darlle un recoñecemento para que todo o que alí sucedeu sexa coñecido pola cidadanía e para dignificar a loita das persoas e dos seus familiares que sufriron a represión”. Con estas palabras explicaba o deputado de Cultura e Lingua, Xosé Leal, a razón de ser da primeira das xornadas que a Deputación de Pontevedra organiza con motivo da Reparación da Memoria Histórica. Así, baixo o epígrafe “San Simón. Illa da Memoria” proxectouse o documental “Aillados” da Asociación O Faiado da Memoria que recolle testemuñas de como era a vida na illa cando foi convertida en campo de concentración e cárcere. Tras a proxección tivo lugar un pequeno coloquio no que participaron, ademais do deputado de Cultura e Lingua,  Antón Caeiro, da Asociación O Faiado da Memoria, e Matías Rodríguez da Torre, da Iniciativa Galega pola Memoria, organización que impulsa a campaña para que San Simón acolla actividades relacionadas co seu pasado durante a guerra e a posguerra.
Na súa intervención Antón Caeiro lembrou “Aillados” trata de difundir “as historias de San Simón, e abrilas a toda a poboación e darlle valor ás persoas que participaron para que sexa coñecidas e recoñecidas con dignidade”. Precisamente o recoñecemento do valor simbólico de ter sido cárcere e campo de concentración centra a campaña da Iniciativa Galega pola Memoria para que San Simón sexa declarada polo goberno galego “Illa da Memoria”. Matías Rodríguez da Torre explicou que “posto que o goberno da Xunta non ten políticas sobre a Memoria Histórica temos que promovela desde a sociedade civil”. Neste sentido, lembrou que a Iniciativa Galega pola Memoria lanzou a mencionada campaña o pasado 16 de xullo para acadar que San Simón sexa recoñecida con nome “Illa da Memoria” e que “se realicen nela actividades de recoñecemento ás vítimas do franquismo e que de realizarse outro tipo de actividades culturais estas garden un respecto absoluto polo pasado simbólico da Illa. Rodríguez da Torre fixo un percorrido polos dous meses e medio que leva activa a campaña e que leva numerosas adhesións de persoas que gravaron vídeos apoiando e explicando a reclamación da IGM, e máis de 3.000 sinaturas na plataforma change.org solicitándolle ao presidente da Xunta a mencionada declaración para a illa.
Programa
Dentro do programa da Deputación hoxe martes terá lugar a presentación do libro “Memorias de sal e terra. O ensino no concello de Marín (1867-1940), da autoría de Celso Xavier Milleiro Sánchez e Xosé Manuel Moreira Docampo e editado pola Editorial da Deputación de Pontevedra.
O mércores será a quenda da poesía cun recital a cargo de poetas como Míriam Ferradáns, Xosé María Álvarez Cáccamo, Lucía Novas, Elisabeth Oliveira, Marta Dacosta e Luis Chapela. O xoves chegará a exposición “Rexas. Mulleres baixo o terror franquista” ao Pazo provincial tras a súa itinerancia por diversas comarcas da provincia, nun acto no que Montse Fajardo guiará un coloquio arredor da mostra con familiares de vítimas represalidas da comarca de Pontevedra. Finalmente, o programa de actos rematará o venres cun concerto da Orquestra de Cámara Galega.
 

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará