A primeira das propostas que nos deixa o programa do Outonoteatro é “Pementeiras” da compañía Xoré Teatro. Unha obra que narra a historia de dúas amigas que teñen un pensamento moi diferente da realidade social na que están inmersas. Con ton didáctico e momentos de humor, as dúas mulleres irán achegando os seus pensamentos e farán reflexionar ao público. A actuación será o sábado ás 20:00 horas no Multiúsos.
Unha historia na que se fala do empoderamento da muller pero dun xeito divertido é o rsume que nos fai o guionista e director da obra Ramón Torrente. Unha obra que nos conta a historia de Sofía, unha muller nova, que ten grandes inquietudes e ganas de loitar polo seu recoñecemento persoal e profesional anímase a participar en calquera proxecto que mellore a súa situación actual. Por outro lado, Dosinda, unha muller tradicional arraigada aos valores do patriarcado non amosa ningún interese en mellorar a súa situación social e familiar, xa que para ela as cousas sempre foron así e non deberían cambiar. Durante o desenvolvemento da obra, Sofía faille ver a Dosinda a situación na que se atopa e axúdalle a iniciar un proceso de reflexión persoal que lle deparará grandes cambios, tanto no ámbito familiar como laboral. A entrada para as obras enmarcadas dentro do Outonoteatro é de 7 euros público en xeral, 3 euros entrada reducida.