Os veciños de Cedeira vense obrigados dende o pasado luns a dar un rodeo para acceder a esta parroquia. Os traballos de ampliación na estrada Subida a Cedeira, nas inmediacións do supermercado Mercadona, manterá pechado este tramo inicial aló menos durante tres semanas. Dende a Concellería de Infraestruturas explican que a obras suporá unha mellora neste acceso e que malia estaren previstas dende hai tempo esperouse a que remataran as clases para evitar prexuizos aos usuarios, principalmente aos autobuses escolares.
O obxectivo da actuación é ampliar a estrada nese tramo logo de chegar a un acordo co propietario da primeira das vivendas existentes ao carón do Mercadona quen cede parte do seu terreo para que se poida facer esta ampliación. Os condutores que adoitan empregar esta estrada deberán recorrer a accesos alternativos, ben polo Aserradeiro ou polo camiño que se atopa enfronte da farmacia na N-552.