Hoxe é Mércores 24 de Abril de 2024
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

As obras da avenida de Vigo cumpren dous meses entre o malestar dos veciños pola humanización

RR_Noticias

Hoxe cúmprense dous meses do incio das obras de humanización na avenida de Vigo, en Chapela. Os traballos da primeira fase, nun tramo dun quilómetro, van anvanzando, e están a supoñer molestias para os veciños polos ruídos e cortes de tráfico, pero sobre todo pola supresión de prazas de aparcamento.

As obras de reforma eliminarán nesta primeira fase unhas 70 prazas de aparcadoiro. Os residentes “padecen” esta situación, como explica Ángeles, nunha zona onde xa antes “escaseaba” o estacionamento e os edificios “carecen de prazas de garaxe”. Os comerciantes sofren a situación por partida dobre. Por unha banda polo problema que lle supón a eles mesmos estacionar e recibir as mercadorías dos seus provedores, e por outra, pola perda de clientes. Advirten que se os compradores non teñen facilidades para estacionar na zona “acabarán mercando nas grandes superficies comerciais”, como lamenta Yolanda, que rexenta unha ferraxería na zona. Para evitar os problemas de estacionamento, o Concello anunciou que negocia con Fomento e Adif a cesión de terreos na antiga estación de Renfe para crear unha zona de aparcadoiro, que confían poida ser unha realidade “a curto prazo”. Pero os veciños entenden que se planificou “ao revés”. Eva sinala que deberían habilitarse zonas de estacionamento alternativo “antes de comezar as obras”. E mesmo advirten que o estacionamento nos terreos da estación “non vai resolver o problema dos veciños que viven na zona das Catro Pontes”, tal como advirte Ana. Cando comezaron os traballos o alcalde, Javier Bas, sinalou que coa humanización da avenida a zona experimentará “un cambio integral” e será “máis amable para os veciños”. Pero moitos residentes entenden que estas obras non son necesarias, e mesmo as cualifican de “capricho”. Jose Manuel recoñecen que era preciso renovar a canalización das augas, e tamén mellorar as beirarrúas “pero sen facelas tan anchas”. As obras de humanización teñen un prazo de execución de 18 meses, e contan cun orzamento de 2,3 millóns de euros. Ampliaranse as beirarrúas e renovaranse a iluminación e as redes de subministro de auga. A conselleira, Ethel Vázquez, salientou que tamén se mellorará a seguridade viaria tanto no acceso a Pescanova como na baixada a Arealonga.  

Ángeles veciña
As obras causan moitos problemas pola falta de estacionamento que hai na zona.
Yolanda comerciante
Os establecementos do barrio esixen zonas de estacionamento e para a carga e descarga.
Mala planificación
Eva entende que debería habilitarse unha zona de aparcadoiro antes de comezar coas obras de humanización.
Obra innecesaria
Moitos como Jose Manuel pensan que as beirarrúas tan anchas non son necesarias e que só darán problemas.
Estacionamento alternativo
Os veciños das Catro Pontes como Ana advirten que un aparcadoiro na estación de Renfe non resolverá os seus problemas ao quedarlles moi lonxe.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará