Catro dos sete triplo coroas de España participarán na competición que se celebra este sábado entre as Illas Cíes e San Simón. Unha das probas máis esixentes de España con 27 quilómetros de percorrido que congregará a 77 nadadores nacionais e estranxeiros. A proba comezará ás nove da mañá e desenvolverase en dúas fases. A primeira será controlada e os nadadores dividiranse en catro grupos dependendo do ritmo de nado. Na segunda fase, a partir do quilómetro doce, será libre pero os participantes terán que pasar por cada un dos sete puntos de avituallamento.
Dende a organización prevén que os primeiros participantes comecen a chegar a Illa de San Simón ás catro da tarde e os últimos ás seis, establecendo como límite dez horas na auga. Como novidade, este ano cada nadador levará unha boia con sistema GPS que permitirá no só garantir a súa seguridade senón seguir a súa traxectoria a través da páxina web da Batalla de Rande. Dende a organización, Aitor de Luis, destacaba o alto nivel dos competidores entre os que se atopan catro dos sete triplo coras de natación, recoñecemento que outorga a Asociación Mundial de Augas Abertas a aquelas persoas que completasen as probas de longa distancia do Canal da Mancha, o Canal de Catalina e a Manhattan Island Marathon Swim. Participarán na proba o vasco Jaime Caballero, dobre triplo coroa, a gaditana Selina Moreno, o alacantino Jorge Crivilles e o marbellí Javier Mérida. Unha proba dura que supón un gran desafío para os participantes e que sitúa a Redondela como un referente neste tipo de competición a nivel internacional ademais de fomentar esta práctica deportiva nunha espazo de gran beleza paisaxística e que conta cunhas condicións óptimas para todo tipo de deportes acuáticos como destacaba o concelleiro de Deportes, Julio Mougán, que confía en que este tipo de probas promovan as posibilidades que ten o municipio neste ámbito deportivo.
Son 77 os nadadores que participarán na sexta edición desta travesía chegados de distintos puntos de España e do estranxeiro
A proba contará coa participación de catro dos sete triplo coroa españois de augas abertas
O edil destaca a importancia desta proba que sitúa a Redondela como un referente a nivel internacional