Arrancan as Festas da Coca e fano con moitas actividades e cunha homenaxe, póstuma e emotiva, a Margot Araujo, quen malia a súa ausencia si estivo presente a través dos seus fillos e de sentidas palabras que acompañaron ao relevo das Penliñas, un acto que foi unha achega da propia Margot que promoveu que se inserira na programación das Festas.
Unha das Burras, Sonia Ferreira, dedicáballe unhas sentidas palabras en nome do colectivo “todo o que sabemos do Baile e, sobre todo, a vestimenta que lucimos Burras e Penlas debémosllo a Margot” en referencia ao seu esforzo por recuperar os traxes tradicionais do baile.Tamén Carmen Amoedo, teniente de alcalde e amiga persoal de Margot lembrábaa “como unha persoa que lle puxo corazón a todo o que fixo por este pobo, que foi moito e sempre de xeito desinteresado”. Escoitando estas palabras estaban os seus fillos, Fernando, Marga e Marta Rivas. Esta última, visiblemente emocionada, tomaba a palabra para agradecer “a toda a xente que a coñecía, que a quería e que a botan de menos e que desexarían que estivera aquí para que gozara das festas”. Pechaba a súa breve intervención coa voz quebrada e dedicando o acto a súa nai, Margot, e ao seu pai “que sempre a apoiou en todo o que fixo”.