Hoxe é Mércores 24 de Abril de 2024
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

Esta rúa é unha ruína

RR_Noticias

As continuas avarías na rede de abastecemento de auga da rúa Cruceiro trae aos veciños de cabeza. Hai dous anos que as roturas son continuas, e deben convivir coas fugas, cortes de auga e “remendos”. Ante a falta dunha solución definitiva por parte de Aqualia e o Concello organizaron unha recollida de sinaturas. Xa as presentaron no Rexistro Municipal para denunciar a situación de “abandono” na que viven.

Denuncian que os arranxos feitos ata o de agora son só “remendos”, e demandan unha “solución integral”. Emilio explica que a acometida de auga na rúa “está mal feita” e que é necesario levantar toda a rúa para facela de novo. Desde hai preto de dous anos os rebentóns nas tubaxes son frecuentes por toda a rúa. Isto implica cortes no subministro de auga que en ocasións se prolongan ata 12 horas, e tamén cortes de tráfico durante as reparacións que impiden a circulación e o acceso aos garaxes. Os problemas máis frecuentes dánse entre a rúa Cruceiro e Loureiro. Segundo denuncia Isaac “ás veces pasan varios días ata que se repara a fuga”. E o problema non é só a auga que corre pola superficie, senón a que o fai de xeito soterrado. Olga advirte que debaixo da rúa a auga debe estar facendo estragos, o que pode acabar afundindo o firme e provocar “unha desgracia”. Cansos de que as súas queixas non obteñan resposta por parte do Concello nin de Aqualia, a empresa concesionaria, organizaron unha recollida de sinaturas. Xa presentaron o escrito por rexistro no Concello, esixindo a renovación integral da acometida de auga na rúa. Mar salienta a unanimidade de todos os veciños ante esta demanda. Afirma que “non se trata dunha cuestión política ou de ideoloxía”, senón dunha necesidade real. Aos problemas da rede de abastecemento únese o tráfico rodado pola rúa. A actual situación da rúa ten parte de culpa, segundo denuncia Manuel. Coa última reforma as beirarrúas quedaron “ao mesmo nivel” que o tramo por onde circulan o tráfico, o que leva a moitos coches e camións a circular por riba da zona reservada a os peóns. O peso dos vehículos “provoca máis roturas”, polo que este veciño entende que a reforma debería “elevar as beirarrúas e baixar o nivel da zona de rodaxe” para evitalo. Agora agardan unha resposta por parte do Concello. Malia que desde o goberno local xa lles informaron de que non hai orzamento para levar a cabo esta obra, confían en que esta situación que consideran “de urxencia” se resolva.  

Emilio demanda unha solución definitiva
Este veciño afirma que a acometida de auga na rúa está mal feita e debe ser renovada na súa totalidade.
Isaac denuncia que as avarías tardan días en repararse
As roturas son continuas e pasan días ata que se reparan as fugas de auga.
Olga teme que pase unha desgracia
Esta veciña advirte que as fugas de auga continuas por debaixo do firme que poden provocar afundimentos.
Mar explica que recolleron sinaturas
Presentaron firmas por escrito no Rexistro do Concello para esixir unha solución definitiva.
Manuel advirte do tráfico sobre o empedrado
A beirarrúa e a zona de rodaxe están ao mesmo nivel e os coches e camións ciculan por riba provocando roturas.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará