Hoxe é Xoves 25 de Abril de 2024
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

O Choco faise forte en Barraña

RR_Noticias

O equipo de Marcos Montes é segundo logo de impoñerse ao Boiro nun encontro no que os redondeláns souberon sufrir. Xornada positiva para o fútbol local, con empate no derbi entre Chapela e Choco B, e vitorias no resto de categorías. No balonmán triunfos tamén para SAR e Castro Chapela.

Terceira División
Boiro 1-2 Choco
O Choco está cada vez máis preto de repetir a espectacular xesta da pasada temporada, e clasificarse por segundo ano consecutivo para a promoción de ascenso a Segunda B. A vitoria no campo do Boiro, un dos mellores equipos da categoría, así o acredita. Foi un triunfo moi traballado, no que os homes de Marcos Montes souberon xogar o seu fútbol e defender o resultado, cunha defensa espectacular. O Choco púxose por diante no marcador nun partido que comezou moi igualado. No minuto 19 chegou nun centro lateral que logrou cabecear Silva, despexou en primeira instancia Reguero e Hugo Sanmartín, cazou o rexeite para adiantar aos de Redondela. O Boiro tentou dar un paso e pechou ao Choco na súa área. Pero os de Montes defendéronse ben, souberon sufrir, e rexeitaron en numerosas ocasións todas as chegadas dos locais, que tiveron máis dunha ducia de saques de esquina. Os redondeláns aguantaron ata o minuto 72, cando Rubén Rivera sacou un bo disparo que superou a Cortegoso. Seguiu atacando o Boiro, pero chegaron dúas contras do Choco. A primeira fallouna Silva, pero a segunda aproveitouna Hugo, que continúa coa súa espectacular xeira goleadora. Tres puntos para o Choco que se pon por diante do Boiro e acada o seundo posto, a dous puntos do líder, o Cerceda. A próxima fin de semana recibe en Santa Mariña ao Arousa, que é sexto.
Boiro: Reguero, Alló, Jesús Martínez, Outeiral (Stefan, min. 85), Marcos Rodríguez, Sidibé, Cano, Romay, Rubén Rivera, Herbert (Rubén López, min. 14), Yhavé.
Choco: Cortegoso, Yago Vázquez, Muíños, Lucas, Gándara (Cristian, min. 59), Alberto Suárez, Rober (Fernán, min. 78), Comis (Fernando, min. 55), Silva, Hugo, Félix Rial.
Goles: 0-1, min. 19: Hugo Sanmartín; 1-1, min. 72: Rubén Rivera; 1-2, min. 83: Hugo Sanmartín.
Árbitro: David Pereira Ferreiro. Expulsou por dobre cartolina amarela a Francisco Alló (min. 89) por parte do Boiro. Amoestou a Jesús Martínez e Reguero polo Boiro e a Gándara e Diego Silva por parte do Choco.
Segunda Autonómica

Chapela 1-1 Choco B
Reparto de puntos nun interesante derbi que se poñía de cara para os locais. Juan adiantou ao Chapela, e o Choco seguiu tentándoo, malia expulsión de Samu no minuto 53. Foi no tempo de desconto cando o filial do Choco igualou o marcador cun remate de cabeza de Ronald. O Choco mantén a terceira praza, que defenderá en Santa Mariña ante o Racing de Castrelos, que é sexto. O Chapela, que baixou á 10ª posición, xogará no campo do Gondomar, afundido na metade baixa da táboa.
Terceira Autonómica

Cesantes 5-0 Soutomaior
Derbi comarcal con goleada do Cesantes ante un Soutmaior que non estivo á altura. Os tantos foron obra de Isaac, Pepete, Canario e Santi, este último por partida dobre. Os tres puntos serven ao Cesantes para mellorar posicións, son 9º, e o domingo xogan no campo do Cerponzóns, 7º.
S.R. Casabranca- Peña Beretes – aprazado
Atl Vilar 2-0 Castelo
Os de Vilar manteñen a cuarta praza logo de impoñerse ao pechacancelas, o Castelo. O domingo xogarán no campo do Covelo, penúltimo clasificado.
Balonmán Primeira Nacional Masculina

Seis do Nadal 23-29 Construcións Castro Chapela
Os de Teixeira impuxéronse en Coia e lideran a liga en solitario, logo dun partido que xa no descanso se inclinaba a favor dos de Chapela. Cumpren así cos seus obxectivos, que defenderán o sábado na casa ante o Lalín, outro dos equipos fortes, cuarto clasificado da táboa.
Lavadores 24-27 SAR Plastic Omnium
Os homes de Carlos Rey impuxéronse en Lavadores nun partido moi traballado, e seguen escalando posicións. Son 8º, e esta fin de semana reciben en Redondela ao Cañiza, equipo situado na 11ª posición da táboa.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará