Hoxe é Venres 29 de Marzo de 2024
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

Os redondeláns moderarán os gastos de Nadal

RR_Noticias

Chegan as festas de Nadal, época de incremento do gasto cos agasallos, comidas de empresa e celebracións familiares. Estudos feitos por consultoras de consumo sinalan que cada fogar español gastará estas festas de Nadal 684 euros, un 10 % máis que o ano pasado. Un incremento que non secundarán os veciños de Redondela, que se manifestan “prudentes” nas compras.

A maioría cos que tivemos ocasión de conversar farán “as mesmas compras” que o ano pasado, e evitarán “os excesos”. Aurora recoñece que o gasto no seu fogar “está nesa media”, como en anos anteriores, pero non advirte aínda demasiado movemento no comercio local. Moitos seguirán “medindo” moito os seus gastos. A inseguridade do mercado laboral fará que as compras destas festas “eviten os excesos”. É o caso de Carmen, que pensa facer o mesmo gasto que o ano pasado, xa que non percibe que a situación económica sexa mellor que o ano pasado. Unha visión pesimista que comparte o comercio local, que aínda non está a rexistrar un incremento nas vendas. José Luis, que rexenta un comercio de moda, afirma que o negocio está “moi parado”, malia que confía en que a situación mellore de cara as datas de Nadal e Fin de Ano. Con todo, tamén hai quen respira optimismo. É o caso de Isabel, unha xubilada que advirte “máis alegría” na rúa, e máis dinamismo no gasto con respecto a anos anteriores. Un optimismo do que se fan eco consultoras como Deloitte, no seu do Estudo de Comercio Do Nadal. A enquisa calcula un incremento dun 10% no gasto das familias que situarán a España no quinto posto de países con maior orzamento para estas festas. A previsión de gasto español (684 euros) sitúase por encima da media europea establecida en 622 euros. As principais partidas serán a de agasallos (269 euros) e alimentación (208).  

O mesmo gasto
Os gastos de Nadal no fogar de Aurora están na media que marcan as enquisas.
Compras limitadas
Carmen evitará excesos nos gastos de Nadal porque a situación económica non mellorou.
Comercio parado
Jose Luis que rexenta un comercio de moda non percibe un incremento nas vendas.
Certo optimismo
No caso de Isabel aprecia máis optimismo no seu entorno e máis alegría no gasto.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará