Hoxe é Mércores 24 de Abril de 2024
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

Ernestina Otero, Manolo Barros, Telmo Bernárdez e Pedro Otero Rey candidatos a persoeiro do ano

RR_Noticias

O Concello de Redondela deberá elixir entre estes catro candidatos a quen se lle dedica o ano 2015. Unha distinción que ten a súa orixe tres anos atrás e que permitiu aos veciños coñecer máis a fondo a vida e obra de Casto Sampedro, Alejandro Otero e Rita Otero, persoeiros distinguidos nos anos anteriores. Unha comisión integrada por representantes de todos os partidos políticos será a encargada de elixir de entre estes catro nomes, ao persoeiro deste ano.

As propostas chegan dende colectivos diferentes. Así o Seminario de Estudos Redondeláns (SEREN) recupera a figura de Ernestina Otero (1890-1956) a quen xa propuxera en anos anteriores a asociación Alén Nós. Mestra e pedagoga, esta redondelá foi unha das primeiras mulleres en obter o título na Escola de Estudos Superiores de Maxisterio en Madrid, chegando a presidir o Consello Provincial de Primeiro Ensino de Pontevedra e colaborando activamente co Seminario de Estudos Galego. Participou tamén activamente en diferentes iniciativas de carácter político asinando en 1933 o manifesto dos intelectuais galegos a favor do Estatuto de Autonomía. Uns compromisos que lle reportarían moitas represalias, sendo separada da cátedra na Guerra Civil e obrigada ao traslado forzoso no Franquismo. Entende ademais o axeitado desta candidatura por cumprirse neste ano o 125 aniversario do seu nacemento.
Pola súa banda a Asociación Alejandro Otero Fernández propón como persoeiro do ano ao médico e político Telmo Bernárdez Santomé (1885-1936) no 130 aniversario do seu nacemento. Destacan os seus méritos profesionais “chegando a ser Secretario e Vicepresidente do Colexio Oficial de Médicos da provincia de Pontevedra. ademais de inspector municipal de sanidade.  Tamén como principal impulsor do Xornal local “La Opinión” e o Xornal Provincial “El País”. No eido político xogou un papel importante, foi alcalde da nosa Vila en 1923. Telmo era de ideas Republicanas e moi afín o movemento Galeguista. Foi apresado e fusilado logo do golpe de estado do 36.
Unha terceira proposta chega dende a Asociación Amigos das Bibliotecas Municipais quen apostan por Manolo Barros (1920-2007). Do histórico militante do Partido Comunista, ao que pertencía dende os 16 anos, salientan a súa loita pola liberdade e por ser un exemplo de superación. Precisamente as súas ideas políticas e a súa loita contras a dictadura franquista custáronselle o seu paso por diferentes penais, entre eles o da Illa de San Simón.
Por último, a Asociación Coral Polifónica Santiago Apóstol propoñen como persoeiro do 2015 a Pedro Otero Rey. Médico e político galego ostentou o cargo de alcalde de Redondela, ao que accedeu o 11 de marzo de 1966. Defenden a súa proposta principalmente pola súa xenerosidade á hora de dar atención médica de xeito gratuíto aos máis desfavorecidos así como polas súas achegas aos desenvolvemento de Redondela durante o seu período como alcalde.
Será agora unha Comisión de cultura, na que están presentes os diferentes partidos políticos presentes na Corporación, a encargada de elixir ao persoeiro do ano 2015.
 

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará