É a primeira vez que o equipo de Chapela milita na categoría autonómica, e o seu obxectivo é “quedar nesta competición”. O conxunto que adestra Fran Amoedo é moi novo, recoñece que precisamente “pecan” de falta de experiencia, pero súpleno con gañas, ilusión e moito traballo.
O calendario non lles foi nada favorable a estes “novatos”, que se estrearon na competición diante do Talleres ABC Vigo, e xa se mediron tamén á Quinta de Tui e o Verín F.S., equipos todos de alto nivel. Malia todo, suman 7 puntos, son 11º na táboa, en postos de permanencia. Non só o calendario xogou na súa contra neste inicio de liga, tamén as lesións. De feito o último partido en Ourense xogárono con catro baixas que supliron con xogadores do filial. Fran Amoedo, o adestrador, tamén lamenta as múltiples ocasións de gol desperdiciadas. Sinala o técnico que o equipo “traballa ben e crea moito perigo na área rival”, o malo é que logo as ocasións “non se materializan”. Pero o equipo de Chapela non baixa os brazos, e confía en que cambie a sorte. Esta semana preparan o encontro que os enfrontará o sábado a un dos actuais líderes, o Lume Bamboo. O rival é unha das sorpresas da temporada, xa que recén ascendido comparte liderado con Autos Leiros Mos e Quinta de Tui. Amoedo confía en contar co apoio da súa afección en Chapela para sumar un resultado positivo. As seguintes dúas xornadas, diante de Cafetería Luar e Leis Marcón deberían ser máis asequibles e proporcionarlles unha marxe de puntos que os afaste aínda máis da zona perigosa de descenso.