Hoxe é Venres 29 de Marzo de 2024
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

Nova lonxa, novos retos

RR_Noticias

As novas instalacións da lonxa de Cesantes supoñen unha gran mellora nas condicións de traballo de mariscadoras e mariñeiros. O edificio, que xa entrou en funcionamento, inclúe un espazo para subastas, vestiarios, oficinas e almacén. Agora o obxectivo da Confraría é rexenerar a enseada coa substitución do actual peirao por outro sobre pivotes que permita o movemento das correntes mariñas.

A Conselleira de Medio Rural, Rosa Quintana, visitou esta mañá as instalacións e anunciou que se porá en marcha un estudo técnico para avaliar “as posibles actuacións” a levar a cabo na enseada. Recoñeceu que esta zona, de fondo de ría, acumula moitas algas e lodos que prexudican a pesca e o marisqueo, pero advertiu tamén que calquera actuación que se faga no litoral debe contar “cun estudo previo”, xa que afecta ás correntes mariñas. Quintana destacou que a obra prioritaria en Cesantes era a nova lonxa, que xa está en funcionamento. Estas instalacións melloran a trazabilidade dos produtos do mar e tamén as condicións de traballo dos profesionais do mar do municipio. A nova lonxa, que contou cun orzamento de 608.000 euros, inclúe no mesmo complexo a propia lonxa de peixes, os vestiarios dos mariscadores, as oficinas da confraría e os locais para almacén que garanten a correcta xestión e calidade dos produtos. Ademais o edificio conta cunha pasarela que permite aos visitantes observar a actividade da lonxa. O alcalde, Javier Bas, amosouse moi satisfeito co resultado da nova lonxa, moi necesaria para os traballadores do mar de Redondela, que tamén participaron no proxecto coas súas achegas. O novo edificio vai permitir tamén que o Concello o integre no programa de visitas que está a celebrar cos escolares de Redondela dentro do programa de promoción da Enseada de San Simón. O obxectivo do goberno local é poñer en valor o litoral redondelán e a súa riqueza natural, paisaxística e como fonte de recursos. Deste xeito as visitas á nova lonxa sumaranse ás que xa se realizan ao Mercado Municipal. Agrupación de Mariscadoras O edificio xa está a ser utilizado desde hai varias semanas pola Agrupación de Mariscadoras de Redondela, que suman case un cento de traballadoras. A presidenta, Alicia Álvarez, amosouse moi satisfeita xa que por fin son realidade unhas instalacións polas que levaban loitando “moitos anos”. Agora o que demandan as mariscadoras é maquinaria que faga “máis levadeiro” o traballo de limpeza de algas e lodos na enseada. Para iso solicitaron á Consellería a dotación dun tractor para esta tarefa. Este ano a axuda foilles denegada, pero confían en que poida entrar no plan de axudas do próximo ano 2015, que conta con fondos da Unión Europea.  

Rosa Quintana Conselleira do Mar
Para a Xunta a construción da lonxa era prioritaria para poder subastar e comercializar o produto.
Estudos técnicos
A Consellería porá en marcha os estudos técnicos para resolver os problemas do fondo da ría.
Javier Bas alcalde
A nova lonxa permitirá acoller visitas de escolares para que coñezan o sector e a riqueza dos produtos do mar de Cesantes.
Alicia Álvarez presidena da Agrupación de Mariscadoras
As mariscadoras amósanse moi satisfeitas coas novas instalacións.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará