Hoxe é Xoves 25 de Abril de 2024
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

Redondela promociona os seus mercados, a enseada de San Simón e o choco

RR_Noticias

O Concello pon en marcha dous programas de dinamización dos Mercados Municipais e a posta en valor dos recursos pesqueiros. Trátase da campaña Comprázeme, que ten por obxectivo achegar á cidadanía aos mercados de Redondela e Chapela, mediante a posta en valor dos produtos e servizos que neles se ofertan. O segundo proxecto impulsado polo concello de Redondela, O Choco: baixo as ondas da enseada de San Simón.

O programa, cofinanciado polo eixo 4 do Fondo Europeo de Pesca a través do Grupo de Acción Costeira Ría de Vigo-A Guarda desenvolverase durante os meses de setembro e outubro e incluirá actividades de formación relacionadas co corte e a presentación dos produtos pesqueiros, visitas guiadas de escolares de educación primaria para coñecer o mercado, un concurso de fotografía para o alumnado de secundaria e bacharelato e xornadas de información ao público. Así mesmo, está previsto dotar aos praceiros e praceiras dun uniforme coa nova imaxe corporativa dos mercados. O curso de manipulación e presentación de produtos pesqueiros, dirixido ao colectivo de venda de peixe dos mercados de Redondela e Chapela, desenvolverase os luns de setembro desde o día 1 ata o día 29 no mercado de Redondela. Os días 6 e 19 de setembro terán lugar as xornadas de promoción de produtos locais do mercado de Redondela dirixidas ao público en xeral, en horario de 09:00 a 14:00 horas. No desenvolvemento das xornadas, realizaranse obradoiros de consumo responsable, ofrecerase unha degustación ás persoas asistentes e presentarase a guía de mercados de Redondela e Chapela: Mercados con sabor. As actividades dirixidas á poboación educativa consistirán en 13 visitas guiadas ao mercado de Redondela, onde os escolares de educación infantil e primaria dos colexios do concello coñecerán as características da xornada laboral das persoas que teñen os seus postos de venda no mercado, diferenciarán as distintas especies de peixe e marisco e aprenderán a interpretar as etiquetas dos produtos frescos, entre outras actividades. As visitas levaranse a cabo entre o 16 de setembro e o 3 de outubro de 2014. Ademais organizarase unha gimkana fotográfica o 27 de setembro dirixida a mozos e mozas de 12 a 18 anos do concello de Redondela. As fotografías premiadas serán expostas na casa da cultura do Concello de Redondela a partir do día 10 de outubro. Ese mesmo día terá lugar a entrega de premios aos participantes galardoados. O Choco: baixo as ondas da enseada de San Simón O segundo proxecto impulsado polo concello de Redondela, O Choco: baixo as ondas da enseada de San Simón, é un programa que pretende poñer en valor os principais recursos biolóxicos do medio mariño da Enseada de San Simón, principalmente o choco. A iniciativa contempla a elaboración dun documental submarino e unha exposición fotográfica a partir de imaxes gravadas nos fondos da Enseada de San Simón, así como a organización dunha xornada de divulgación sobre as posibilidades de explotación do choco e os recursos mariños da enseada de San Simón e visitas ao mercado de Redondela. No documental submarino, de 15 minutos de duración, amosaranse os ambientes e especies máis representativas do espazo mariño da Illa e da Enseada de San Simón. O fío condutor será o rular dos protagonistas en diversas situacións coma a procura de comida, a súa perpetuación e o seu refuxio. O principal protagonista do documental será o choco, cefalópodo de especial interese na Enseada de San Simón. A exposición fotográfica, composta de 15 paneis en formato metacrilato, amosará os diferentes ambientes, adaptacións e especies da Enseada de San Simón e da Ría de Vigo, con temáticas tales como o ciclo biolóxico do choco, as curiosidades da bioloxía do choco, a batea de mexillón, os peixes da Enseada de San Simón, as pradarías de seba, os cabaliños de mar, os cetáceos, o plancton, etc. A exposición estará ubicada na planta superior da praza de abastos de Redondela entre os días 16 de setembro e 5 de outubro. A partir do 10 de outubro a exposición estará no Meirande-Centro de Interpretación de Rande. Están previstas proxeccións do documental e visitas de escolares á exposición fotográfica, así como a distribución de bolsas identificativas do proxecto e folletos con distintas receitas de cociña proporcionadas polos restaurantes da zona, onde o choco será o ingrediente principal. Con esta actividade preténdese atraer a todas aquelas persoas que non son clientes habituais dos mercados, dándolle valor a etiquetaxes coma “Pesca de Rías”, “Choco de Redondela”, no camiño dunha dinamización local centrada no incremento do consumo de estos produtos. A xornada de divulgación sobre os recursos mariños da Enseada de San Simón celebraráse o xoves 10 de outubro no Meirande-Centro de Interpretación de Rande. Consistirá nunha xornada de divulgación con distintas ponencias sobre as posibilidades de explotación do choco e os recursos mariños da Enseada de San Simón, cos obxectivos de subliñar a riqueza dos recursos mariños da Enseada de San Simón, concienciar sobre o respecto aos ciclos reprodutivos das especies e dar a coñecer e fomentar o consumo dos produtos de cercanía. Xa está dispoñible unha páxina web (www.chocoderedondela.es) con toda a información do proxecto.  

Ana Alonso concelleira de Desenvolvemento Local
Con esta campaña o Concello quere achegar a cidadanía aos mercados de Redondela e Chapela.
Erminda Quelle edil de Feiras e Mercados
A concelleira agradece a colaboración dos praceiros e praceiras que se involucraron no proxecto.
Fernando Sampil presidente da asociación de Empresarios
Sampil destaca a importancia deste comercio local de gran calidade e proximidade.
Javier Bas alcalde
O alcalde salienta a importancia destes mercados que crean emprego xeración tras xeración.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará