Hoxe é Venres 19 de Abril de 2024
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

O BNG demanda no Alto dos Valos a creación dunha rotonda para mellorar a seguridade viaria

RR_Noticias

A deputada nacionalista no Congreso, Olalla Fernández, participou no encontro xunto cos responsables locais do Bloque, para esixir unha vez máis a creación dunha rotonda no cruzamento da N-550 coa estrada provincial 2906. Trátase dun dos “puntos negros” da rede viaria da comarca, polo que presentarán mocións nos Concellos de Redondela, Pazos de Borbén e Mos, ademais de iniciativas no Congreso dos Deputados.

O que demandan é a construción dunha rotonda na intersección da estrada N-550 coa estrada que enlaza con Vilar de Infesta e que conecta tamén con Nespereira e Cepeda á altura do Alto dos Valos, entre Saxamonde e Louredo. O obxectivo é solucionar a falta de seguridade neste tramo, que presenta unha elevada densidade de tráfico, unha demanda veciñal e política que ven de vello. A finais do pasado ano o BNG, por medio da súa parlamentaria, pediu a inclusión dunha partida de 400.000 euros nos Orzamentos do Estado para este exercicio co fin de facer estas obras, pero a proposta foi rexeitada polo PP. Fernández Davila lamenta que desde o Ministerio de Fomento a única resposta que se ofrece a esta demanda é que a solución “está en estudo”. Na visita realizada esta mañá á zona estiveron presentes representantes nacionalistas dos tres concellos afectados: Redondela, Pazos de Borbén e Mos. Quixeron facer visible a necesidade dunha acción conxunta “para que a demanda adquira maior repercusión”. Deste xeito van propiciar que os Plenos apoien unha demanda que vai beneficiar a un importante número de veciños e veciñas que todos os días atravesan este punto. Un aspecto que tamén foi introducido na moción debatida no Consello Parroquial de Saxamonde, que contou coa unanimidade de todas as forzas sociais e políticas con representación. A voceira nacionalista en Redondela, Cecilia Pérez, acusou ao goberno de Javier Bas de “desinterese” neste tema, por non ter levado ao Pleno de xullo ese acordo do Consello Parroquial tal como se acordara. Iniciativas no Congreso dos Deputados. Olalla Fernández informou que o BNG vai presentar como nos últimos anos, unha emenda aos orzamentos do Estado, para que se inclúa unha partida, “salvo que o Ministerio de Ana Pastor sexa sensible a esta demanda e xa o recolla nas súas previsións para o ano 2015”. Tamén adiantou que nas vindeiras semanas presentará unha xeira de iniciativas no Congreso para forzar ao Goberno español a tomar unha postura definitiva. Proposición non de Lei ou diversas preguntas que teñen a ver cunha problemática como a do cruzamento do Alto dos Valos, “polos que, segundo dados do propio Ministerio circulan máis de 9.000 vehículos diarios”.  

Olalla Fernández Davila deputada do BNG no Congreso
O BNG demandou en reieradas ocasións a construción dunha rotonda no Alto dos Valos.
Sen resposta de Fomento
O Ministerio de Fomento aínda non presentou ningún proxecto para mellorar a seguridade na zona.
Cecilia Pérez Orge edil do BNG
O Bloque de Redondela lamenta que o alcalde redondelán non levara ao pleno de xullo o acordo adoptado no Consello Parroquial de Saxamonde.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará