Hoxe é Xoves 25 de Abril de 2024
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

Morre un camioneiro portugués nun accidente na N-550 á altura de Soutoxuste

RR_Noticias

O vehículo cargado de Kiwis precipitouse por un noiro de aproximadamente 30 metros de altura. Efectivos do Grumir de Redondela e dos bombeiros de O Porriño traballaron durante máis de 4 horas para excarcerar o corpo do falecido, que quedou atrapado na cabina. O accidente producíase preto das 11 da noite e practicamente á mesma hora outro vehículo, neste caso un turismo colidía contra un muro na N-552 á altura de Bolero. O condutor, un veciño de Redondela, foi trasladado en ambulancia a un hospital de Vigo.

O condutor dun camión de nacionalidade portuguesa resultou falecido na noite de onte nun accidente que se producía ás once á altura do punto quilométrico 136 da N-550 no lugar de Soutoxuste na parroquia de o Viso, nunha curva especialmente complicada.
O vehículo que conducía, un camión cargado de kiwis que circulaba en dirección Redondela-Pontevedra, precipitouse por un noiro de aproximadamente 30 metros de altura e o condutor quedou esmagado sen que nada se puidera facer para salvarlle a vida. Segundo unha testemuña que viu o acontecido, todo apunta a que ao tomar a curva e malia que o vehículo non circulaba a excesiva velocidade, a carga do vehículo desprazouse o que provocou que o condutor perdese o control do camión que logo de colidir contra o quitamedos se precipitou polo noiro.
Efectivos do Grumir e Bombeiros de Vigo traballaron nas labores de excarceración do corpo que se prolongaron durante máis de catro horas debido a que o condutor quedou esmagado dentro da cabina.
Accidente en Bolero
Practicamente á mesma hora producíase outro sinistro na N-552 á altura de Bolero. Un turismo que circulaba en dirección Chapela-Redondela impactaba contra o muro do establecemento Redomoto. Malia o aparatoso do accidente que provocou retencións na estrada, o seu condutor, un veciño de Redondela, saíu do vehículo polo seu propio pe e foi trasladado en ambulancia a un centro hospitalario de Vigo sen que trascendese o seu estado.
 

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará