Veciños e colectivos redondeláns non saen do seu asombro logo de facerse público que o goberno galego estuda cambiar o uso das instalacións do Centro de Día para maiores de Cesantes, alegando que non existe demanda deste servizo na zona. Afirman que este centro é unha necesidade “prioritaria” para a sociedade redondelá, e urxen a súa apertura.
Con sorpresa e malestar vive a veciñanza o anuncio da Secretaria Xeral de Política Social Coro Piñeiro, quen confirmou no Parlamento de Galicia o cambio de uso do Centro de Día de Cesantes. Trátase dun edificio rematado hai dous e que segue pechado ao público. Piñeiro anunciou que a instalación non se destinará a persoas maiores “porque non existe demanda en Redondela” para un centro destas características, polo que a Xunta opta por destinar este edificio á atención de persoas con discapacidade intelectual. Unha explicación que non convence á cidadanía redondelá, que asegura que hai unha “gran demanda” deste servizo. O municipio, con preto de 30.000 habitantes, conta con “moita poboación anciá e ningún centro público para poder atender as súas necesidades”. Maribel lembra que actualmente só existen en Redondela dous centros privados, e sinala que moitos veciños non poden ser usuarios “porque non poden pagalo”. Entende que a xustificación que ofrece a Xunta “non é certa”, e apunta á existencia doutros “intereses” do goberno galego para cambiar agora a finalidade do centro. José, que é taxista en Redondela, comparte tamén que existe necesidade no municipio dun centro destas características, xa que hai moita poboación maior, e os centros que existen actualmente ademais de ser privados, “só ofrecen o servizo de atención de día”, e non contan con prazas para residentes. A posibilidade apuntada pola Xunta de Galicia que fala dun cambio de uso para o centro, que se destinaría a persoas “con discapacidade intelectual” non convence a algúns veciños. Iago é escéptico co futuro destas instalacións, e augura que “permanecerán pechadas e sen uso por tempo indefinido”. Desde a Asociación de Veciños de Cesantes amosáronse sorprendidos por este anuncio feito no debate parlamentario. Fernando González, vicepresidente do colectivo, critica que o Concello non os tivese informados a través do Consello Parroquial, e esixe “unha explicación” ao goberno local. González entende que a demanda que existe deste servizo é elevada, e que moitas familias de Cesantes “están a esperar a súa apertura para levar aos seus maiores”. Pola súa parte o alcalde, Javier Bas, asegura que o Centro de Día de Cesantes será utilizado para a finalidade que estaba previsto. O rexedor local e a edil de Servizos Sociais, Teresa París, reuníronse cos responsables da Consellería de Benestar e que xa resolveron “o malentendido”. Bas trasladou aos responsables da Xunta a necesidade de acompasar “as prioridades autonómicas coas necesidades da comarca”. Insistiu en que Redondela necesita un Centro de Día para Maiores, e que por iso Xunta e Concello se comprometen a poñer en marcha as instalacións de Cesantes.