Hoxe é Venres 19 de Abril de 2024
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

Os redondeláns queren terrazas

RR_Noticias

Poder tomar un café mentres se fuma un cigarro é algo ao que non queren renunciar os veciños de Redondela. Con todo, entenden que debe existir unha normativa que regule as terrazas nos espazos públicos, e que as mesas e cadeiras non deben obstaculizar o paso dos viandantes. Tamén defenden que as terrazas, ademais de fomentar as relacións sociais, crean emprego, un ben moi escaso nestes tempos de crise.

Hai anos a climatoloxía galega reducía a existencia das terrazas aos meses de xullo e agosto. Pero desde a entrada en vigor da lei antitabaco as mesas e cadeiras de bares e restaurantes forman parte da paisaxe das vilas e cidades ao longo de todo o ano. Esta situación levou a Concellos como o de Redondela a regular a súa instalación. En xeral os veciños defenden que os locais de hostalaría poidan instalar terrazas, xa que “favorecen as relacións sociais” nas rúas e prazas, e dan “vida” ás vilas, como apunta Agustín. Maribel vai máis aló e xustifica que se permitan as terrazas porque “crean emprego”, e son a única razón de que moitos locais de hostalería permanezan abertos. Unha opinión que comparte Breogán, este mozo asegura que de non ser polas terrazas “moitos bares e cafeterías terían que pechar”. Con todo, tamén recoñecen que algunhas terrazas supoñen un “atranco” para o paso de peóns, carros de bebés ou cadeiras de rodas, xa que non deixan “suficiente espazo libre”. Por iso, malia defender a existencia das terrazas, estes usuarios tamén comparten que debe existir unha normativa “para regular” estas instalacións e impedir que cada empresario “faga o que queira”. Pero tamén insisten en que a normativa deben cumprila “todos os negocios por igual”, e pagar os impostos que lle corresponda. En canto á polémica pola retirada das terrazas instaladas na praza de Santiago, algúns veciños entende que o problema vai “máis aló” do cumprimento ou non da normativa municipal. José e Quique suxiren que entre denunciante e denunciados debía existir algún “problema persoal”, xa que eran terrazas que “non molestaban” e deixaban suficiente espazo libre na praza. Problemas como este poñen de manifesto que regular as terrazas “non é tan sinxelo”, tal como apunta Sergio. Este mozo pide unha maior “reflexión” ao goberno local e aos empresarios para regular estas instalacións, xa que tamén afecta “aos postos de traballo”. O Concello de Redondela aprobou o pasado mes de febreiro a súa primeira ordenanza para regular a instalacións de terrazas na vía pública. A proposta do goberno popular, que foi aprobada co apoio do PSOE, pretende conciliar os intereses dos hostaleiros cos dos viandantes e veciños. A normativa establece que a beirarrúa debe ter un ancho mínimo de 2,5 metros para poder instalar mesas, e que debe quedar libre de obstáculos un mínimo de 1,2 metros para os peóns. A ordenanza tamén prohibe os toldos fixos instalados polos hostaleiros, e obriga a retirar mesas e cadeiras da vía pública todas as noites, logo do horario de peche establecido á 1:30 horas.  

Agustín defende as terrazas
Entende que dan máis vida ás vilas aínda que hai que regular a súa instalación.
Ana asegura que crean emprego
Sen terrazas moitos establecementos terían que pechar.
José pide unha normativa igual para todos
Entende que deben regularse as terrazas pero sen beneficiar nin prexudicar a ninguén.
Sergio afirma que a regullación é complexa
Sergio asegura que regular as terrazas é algo delicado sore o que hai que reflexionar moito xa que tamén supoñen postos de traballo.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará