Hoxe é Xoves 25 de Abril de 2024
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

O Meirande recibe máis de mil visitantes en tan só dous días

RR_Noticias

Os personaxes históricos de Manuel Velasco Tejada e Château Renault foron os encargados da dramatización teatral que durante a fin de semana acompañou aos primeiros visitantes ao Museo de Interpretación da Batalla. Dous personaxes chegados da batalla naval de 1702 que na xornada do sábado compartiron protagonismo cos representantes das diferentes administracións na inauguración do Centro. O Museo abría s súas portas co compromiso de completar as instalacións cun pantalán que dará acceso ao edificio dende o mar.

Dous actores, Paulo Medal e Ademar Silvoso, no papel de Manuel Velasco Tejada e Château Renault poñían o contrapunto teatral ao acto institucional celebrado na mañá do sábado no Centro de Interpretación da Batalla de Rande. O presidente da Autoridade Portuaria, José Manuel López Chaves, o da Deputación de Pontevedra, Rafael Louzán e o alcalde Javier Bas foron os encargados de inaugurar oficialmente o centro nun acto ao que non faltaron outras autoridades como o secretario Xeral de Cultura Anxo Lorenzo, o presidente de Portos de Galicia ou os rexedores de Soutomaior e Pazos de Borbén. Pero sen ningunha dúbida un dos máis satisfeitos nesa xornada era o presidente da Asociación Cultural e Deportiva de Rande, Juan José Comesaña, quen se amosaba feliz de estrear unhas instalacións que naceron dos iniciativa dos propios veciños doce anos atrás. Agradecía no seu discurso tanto ao anterior goberno -PSOE/BNG- como ao actual  -PP- pola súa implicación no proxecto así como ao resto das persoas que colaboraron desinteresadamente na iniciativa. López Chavez asegurou na súa intervención que a Administración Portuaria ten a obriga de comprometerse con proxectos como este que “son produto dun traballo conxunto”. Unha actuación que permitiu recuperar unha antiga nave abandonada como era a fábrica do alemán e convertela “nun atractivo turístico para toda a comarca e todo o sur de Galicia”. Comprometía tamén as xestións necesarias para que no futuro se poida chegar a este museo tamén por mar “a través dun pantalán cuxa construcción estamos tramitando”. Dende a Deputación Rafael Louzán salientaba o traballo de colaboración entre as diferentes administracións que dan como resultado actuacións como esta e aseguraba que este museo será o primeiro que permita coñecer a batalla de Rande na súa completa dimensión. O alcalde Javier Bas destacaba a importancia deste Museo como foco de atracción turística que ven completar “unha oferta cultural e paisaxística que xa ten na Illa de San Simón o seu referente fundamental”. O Centro, que na súa primeira fin de semana de apertura recibiu xa máis de mil visitas, permanecerá aberto durante a semana de martes a venres en horario de mañá de 9.30 a 14.30 horas co obxectivo de acoller visitas escolares con cita previa chamando ao número 986 458 891. As fins de semana estará aberto de 10 a 14 e de 16 a 19.30 horas con entrada de balde.  

Inauguración do Meirande
Institucións e veciños asistiron ao acto do sábado 9

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará