A Alameda de Redondela acolle esta fin de semana unha nova edición da Feira de Oportunidade do Comercio na que medio cento de establecementos ofreceran os seus productos en stock a prezos rebaixados, con descontos significativos que poden supoñer unha reducción do 70% no seu prezo orixinal.
Os sectores máis representativos son o téxtil con ofertas en roupa, calzado e complementos, destacando de xeito significativos a moda infantil. A decoración e os productos do fogar terán unha ampla presenza e haberá puntos de venda de libros, produtos de beleza, reloxería e xoiería, delicatessen e unha ampla representación do sector do agasallo. Dende a Asociación de Empresarios e de cara a animar aos veciños a se achegaren a esta cita comercial, porán en marcha tamén unha ampla oferta de ocio e actividades complementarias con especial atención ao público infantil: haberá distintas áreas de xogos gratuítas para nenos en función das idades, un miniparque de atraccións con descontos por comparas e unha gran área de ocio e descanso con entretemento multimedia. Nun primeiro momento estaba previsto que a cita se celebrase os días 28 e 29 de setembro, pero o mal tempo obrigou a pospoñela a esta fin de semana. Os horarios serán o sábado de 10 da mañá ata as 10 da noite e o domingo de 11 a 8. O presidente da Asociación de Empresarios, José Antonio Gómez e o alcalde de Redondela, Javier Bas, facían na mañá de hoxe a presentación desta actividade enmarcada dentro do proxecto de dinamización do Centro comercial Aberto que pretende axudar ao pequeno comercio a liquidar as mercadorías non vendidas durante as pasadas tempadas para poder reinvestir en novos produtos de tempada.