Hoxe é Xoves 29 de Outubro de 2020

Cae en Redondela o número de doadores de sangue e pérdese a cota recomendada pola OMS

RR_Noticias

O pasado ano rexistráronse no municipio 1.172 doazóns de sangue, unha cifra que queda lonxe das 1.449 que se recollían en 2008. Coa taxa actual, de 39 doazóns por cada 1.000 habitantes, Redondela perde a cota mínima recomendada pola Organización Mundial da Saúde, que se cifra en 40/1.000. Unha situación que preocupa ó Centro de Transfusión de Galicia, xa que a tendencia negativa continúa neste 2013, con case 100 doazóns menos que nas mesmas datas do ano pasado.

Antonio Carracedo, director de promoción do CTG salienta que Redondela pasou de recoller 48 doazóns por cada mil habitantes no ano 2008, a tan só 39 no exercicio pasado. Esta semana, o mércores e o xoves, unha unidade móbil do CTG estivo na praza do Concello para recoller doazóns. Carracedo apunta que a presenza mensual destas unidades na vila pode provocar que algunha xente “deixe pasar o tempo” e que, malia haber moitos doadores, tan só acudan “unha vez ao ano ou cada dous anos”. Pero son moitos os que acoden de maneira regular a doar. É o caso de Modesto, que cando menos “dúas veces ao ano” se achega á unidade móbil. Tamén Josefa, unha veciña de Pazos que aproveitou o seu paso por Redondela para doar, cono fai habitualmente. A súa primeira experiencia viviuna cando un familiar enfermou e precisaba sangue, logo fíxose doadora habitual. De feito este é un perfil habitual, o de persoas que doan por primeira vez por unha enfermidade na familia, ou cando se producen catástrofes como o accidente de tren de Angrois. No CTG teñen como obxectivo que eses doadores “esporádicos” pasen a ser doadores “habituais”, para garantir unha reserva de sangue axeitada en todos os hospitais galegos. Unha motivación que comprende perfectamente Jose, un veciño que é doador habitual desde hai anos. Recoñece que ten que superar “algúns nervios” cada vez que vai doar, pero que “paga a pena” xa que se trata dun “acto solidario” o que se axuda aos demais. Ademais é un bo xeito de ter controlada a saúde, xa que o CTG fai un chequeo e unha analítica para comprobar que o estado de saúde “é o axeitado”. Algo que valora tamén positivamente Andrea, que aínda que onte non puido doar por ter baixos os niveis de ferro, volverá á unidade móbil dentro dunhas semanas. Doazón entre os mozos A media de idade en Galicia entre os doadores é alta, de feito a maior porcentaxe de doadores dáse entre a poboación de 43 a 65 anos, cun 40%. O seguinte tramo de idade é o dos que teñen entre 33 e 42 anos, que supoñen o 29% dos doadores. Só un 20% teñen entre 23 e 32 anos, e un 9% entre 18 e 22 anos. Un dato que destacaba a doutora Conchi López, responsable da unidade móbil que visitou Redondela, e que anima aos máis novos a doar, xa que están “cheos de vida”. Cada día un total de 10 unidades móbiles percorren os concellos galegos para atender a tódalas persoas que desexan realizar este acto altruísta. Tamén as doazóns recollidas nos locais de doazón dos hospitais envíanse a diario ó CTG para o seu procesamento, análise e conservación. Lembren que calquera persoa maior de 18 anos e cunha saúde normal pode ser doador. Para calquera dúbida ou información poden dirixirse ao teléfono gratuíto 900.100.828.

Antonio Carracedo director de promoción do CTG
Redondela baixou de 48 doazóns por cada 1.000 habitantes a tan só 39.
Jose doador
Ese veciño anima a todo o mundo a participar neste acto solidario.
Andrea doadora
A doazón habiual é un xeito de controlar o estado de saúde.
Conchi López doutora
A media de idade dos doadores é elevada polo que animan a doar aos máis novos.

Share on facebook
Facebook
Share on twitter
Twitter
Share on linkedin
LinkedIn
Share on pinterest
Pinterest
Share on whatsapp
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *