O Centro Cultural Chan das Pipas de Saxamonde organiza o próximo sábado 20 de xullo de 2013 a 1ª Feira de Cousas da Horta e da Casa. As persoas interesadas en participar só teñen que traer o seu excedente agrícola ou obxectos que teñan na casa en bo estado e que non usen. Quen estea interesado deberá pórse en contacto coa organización antes do mércores 17 de xullo no teléfono 666934347.
A feira, que servirá para que os produtores locais poidan dar saída aos seus excedentes agrícolas así como pór en valor obxectos que temos na casa a aos non lles damos uso, contará con diversas actuacións musicais a cargo do grupo de gaitas Aluarado de Vilar, Grupo de Baile de Trasmañó e Grupo de Baile Moderno de Vilar. Así mesmo, haberá explicacións de remedios naturais e vídeos sobre consumo local e responsable.
Unha iniciativa que pon en marcha o Centro Cultural e que busca fomentar as prácticas de troco e de axuda mutua facilitando un lugar de encontro entre veciños e veciñas.
As modalidades de intercambio da feira serán variadas. Quen queira, poderá poñer á venda o seu excedente agrícola e diversos obxectos da casa e, quen o prefira, poderá trocar estes elementos por outros ou por servizos.